Buscador

O Encontro das Persoas Maiores 2026 de Ribeira reunirá a 900 comensais no 10 de maio
Whatsapp: O Encontro das Persoas Maiores 2026 de Ribeira reunirá a 900 comensais no 10 de maio

O Concello de Ribeira celebrará o seu Encontro das Persoas Maiores 2026 no 10 de maio, a partir das 13.30 horas coa recepción, convertendo o complexo deportivo da Fieiteira nun salón de eventos para a ocasión que reunirá un total de 900 comensais. Previamente, ás 12.30 horas, oficiarase a misa solemne na igrexa parroquial de Santa Uxía cantada pola Coral Polifónica Municipal. Ao remate, sairá os autobuses dende o Malecón, na entrada ao recheo portuario.

"En maio volveremos sentar á mesa cos nosos maiores nunha cita dedicada en exclusiva a eles para gozar dunha xornada distendida. Este evento convértese en punto de encontro para os nosos veciños de maior idade para socializar, bailar, desfrutar e degustar o menú preparado para a ocasión. Porque se hai algo que define a Ribeira é o respecto e cariño cara quen construíu quen somos hoxe", en palabras co concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño, acompañado dos representantes dos clubs de xubilados: Antonio Muñiz, presidente de Palmeira; Manuel Pérez e José Antonio Cadaval, presidente e secretario de Aguiño, respectivamente; Estrella Franco, presidenta de Corrubedo; Gloria Lijó, presidenta do Centro Social Santa Uxía Terceira Idade; e Juan José García, presidente dos xubilados do Mar de Ribeira.

O menú constará de primeiro prato con camaróns, cigalas e navalla; segundo prato con carrillera ibérica con pataca, sobremesa e bebidas variadas. A música virá da man de Dani DJ, un profesional local.

Tralo proceso de licitación, o cátering foi adxudicado a Chicolino por un importe de 67.300,20 euros, IVE incluído; contía na que tamén se inclúe a decoración do espazo.

No que respecta á carta, o edil explicou este ano se aposta pola navalla para seguir "reforzando o vínculo co sector do mar", polo que se contará coa colaboración das confrarías de Carreira-Aguiño e Ribeira, "garantindo un produto fresco, de calidade e de proximidade"; unha navalla obtida da zona do Carreiro, en Aguiño, dentro do plan conxunto entre os dous pósitos que traballarán aí entre os meses de maio e xuño.

A imaxe do cartel deste ano foi cedida por Ramón Pérez.

Adquisición das entradas

As entradas comezarán a venderse no luns, 27 de abril, en horario de 10.00 a 13.30 horas, a un prezo de 25 euros por persoa. O trámite formalizarase na Oficina de Atención Cidadá (OAC) da casa consistorial, onde se deberá presentar o DNI. O pago poderase facer mediante tarxeta de crédito ou débito, ou ben en efectivo nas entidades bancarias colaboradoras do Concello previa emisión da Carta de Pago na oficina da OAC nas mesmas datas. O período de adquisición permanecerá aberto ata o 7 de maio, inclusive, ou ata esgotar o aforo.

Entre os requisitos para participación neste xantar figuran estar empadroado en Ribeira, e ter unha idade de 60 anos ou máis, que reúna algún dos seguintes condicionantes:

  • Ser pensionista de xubilación ou incapacidade permanente do Sistema de Seguridade Social español.

  • Ser pensionista de viudedade con sesenta ou mais anos de idade do Sistema de Seguridade Social español.

  • Ser pensionista por outros conceptos ou perceptor de prestacións ou subsidios de desemprego, con sesenta ou máis anos de idade do Sistema de Seguridade Social español.

  • Ser persoa asegurada ou beneficiaria do Sistema da Seguridade Social español, con 65 ou máis anos de idade.

  • Poden participar co/a seu/súa cónxuxe ou parella de feito sen necesidade de que estas persoas reúnan os requisitos de idade ou pensión.

A devandita entrada será numerada, persoal e intransferible, indicando o número de mesa asignado. Así mesmo, será imprescindible para o acceso ao evento mostrar a entrada ao persoal encargado así coma, de ser o caso, acreditar a súa identidade.