Buscador

O Concello de Ribeira organiza un Maio Cultural protagonizado polas Letras Galegas con máis dunha quincena de propostas
Whatsapp: O Concello de Ribeira organiza un Maio Cultural protagonizado polas Letras Galegas con máis dunha quincena de propostas

Ribeira mergúllase nun maio cheo de cultura cunha ampla programación que abrangue a todo o mes con máis dunha quincena de propostas, poñendo o foco no Día das Letras Galegas, no día 17, dedicado a Begoña Caamaño. Para celebrar as nosas letras e a nosa lingua, haberá un espectáculo das cantareiras de Bailadela e As Sete Linguas da Asociación Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño, ás 13.00 horas, na praza de Porta do Sol. A AFLM tamén disporá inchables, música, xogos populares e xornada de debuxo infantil con agasallos no parque da Tasca e Casa da Cultura de Aguiño, a partir das 16.30 horas, ademais de volver coa actuación das cantareiras e pandeireteiras e o espectáculo de maxia Don Gelatti, con Dani García, para as 19.30 horas.

"Chega maio e, como non podía ser doutro xeito, a cultura é a gran protagonista arredor do Día das Letras Galegas. Teremos máis de quince propostas para tódolos públicos con presenza de música, danza, monólogo, narración, festivais ou arte, chegando así a distintas formas de expresión cultural. A maior parte delas serán no noso buque insignia cultural: o novo Auditorio municipal. E en todo este programa é clave tamén a colaboración do noso tecido asociativo. Un claro exemplo é a xornada do propio 17 de maio.  Agora queda desfrutar dunha ateigada axenda de actividades para desfrutar da nosa cultura, da nosa lingua e das nosas letras", en palabras da concelleira de Cultura, Ana Barreiro.

No que respecta ás accións dirixidas á rapazada e mocidade pronunciouse a edil de Educación, Nucha Brión, quen destaca "as distintas cousas que levaremos a cabo pensando no público infantil, familiar e de mocidade. Teremos contacontos, entrega de premios de concurso escolar, intercambio de experiencias entre escolares e a música de Fálame así, cántame así."

Programa de actividades

O cartel conta tamén con espectáculos como BenQuerer, no que a danza cobrará protagonismo con Fran Sieira bailando ao son de Caamaño&Ameixeiras. Como xa se anunciara con anterioridade, será no sábado, 2 de maio, ás 20.00 horas, no novo Auditorio municipal.

Haberá tamén concertos. O Conservatorio Municipal deMúsica ‘Enrique Paisal’ ofrecerá Unha viaxe no tempo, no xoves, 7 de maio, ás 20.00 horas, no novo Auditorio municipal.

A Real e Ilustre Cofradía da Dorna organiza unha gala solidaria para o domingo, 10 de maio, ás 20.00 horas, no novo Auditorio municipal, que será amenizada por Mimarte. A entrada establécese nos 5 euros.

Pola súa parte, a Asociación Galega de Solidariedade co Pobo Saharaui organiza o concerto benéfico a prol de Vacacións en Paz co Grupo Boroa e o artista David Cuence no sábado, 23 de maio, ás 20.00 horas, no novo Auditorio municipal. A entrada solidaria é de 3 euros.

No domingo, 24 de maio, ás 19.00 horas, no novo Auditorio municipal haberá concerto das Letras Galegas coa Coral Municipal de Ribeira, a Coral do Círculo Mercantil de Ribeira e a Coral Polifónica de Berres da Estrada.

Coa mirada posta nos máis pequenos, no venres, 29 de maio, ás 11.00 horas, terá lugar no novo Auditorio municipal o acto de entrega de premios do XXXIV Concurso Escolar das Letras Galegas co espectáculo en homenaxe a Begoña Caamaño, Chaves invisibles, de Vero Rilo e Luis Iglesias para público escolar.

Xa orientado á mocidade, no venres, 29 de maio, a partir das 22.00 horas, as músicas máis novas en galego soarán no parque García Bayón con Fálame así, cántame así, con 9Louro como cabeza de cartel, xunto a Alddara, Diego Tercero, Mateo Fajardo e Mateo Abelleira.

O ritmo tamén cobrará forma de festival co Bruón Folk Fest no venres 8 e sábado 9, de maio, na contorna do Centro Recreativo de Artes; mentres que o folclore galego marcará a xornada do sábado, 16 de maio, ás 19.00 horas, da man de Tahúme co Festival Nacional de Folclore a celebrar no novo Auditorio Municipal.

Non faltará o oco para a narración con Sábados de conto, no Centro Cultural Lustres Rivas. Comezará no día 16, ás 12.00 horas, con A chave do reino, de Charo Pita; para seguir no día 30, ás 12.00 horas, con As mil e unha, de Vero Rilo. A narración tamén virá da man de Seres máxicos do reino de Galicia, con Soledad Felloza, no sábado, 23 de maio, ás 18.00 horas, no Centro Social de Carreira.

Carlos Blanco encherá de risas o novo Auditorio municipal no venres, 8 de maio, ás 20.30 e ás 22.30 horas, con dúas sesións do monólogo A Penúltima.

Da man do Eixo Atlántico chegan os Intercambios escolares Galicia Norte de Portugal nos días 7, 8, 13 e 14 de maio cos colexios de Olveira, en Ribeira, e coa escola básica D. Manuel Faria e Sousa, en Felgueiras. E, dende onte e ata o día 30 de maio, a sala de exposicións do Centro Cultural Lustres Rivas acollerá a mostra da XV Bienal de pintura do Eixo Atlántico.