
Solidariedade Galega co Pobo Saharuí (Sogaps) organiza, coa colaboración do Concello de Ribeira, un concerto solidario como colofón ao proxecto educativo Abrigo e Acubillo, de sensibilización coa realidade dos campamentos de refuxiados/as saharauís, desenvolvido pola Comisión de Ensino de Sogaps nos colexios de Artes e Olveira ao longo deste curso.
O grupo Boroa encherá de ritmo o novo Auditorio municipal no sábado, 23 de maio, ás 20.00 horas. Sobre o escenario estará tamén o artista plástico David Cuence. Así, música, arte e solidariedade irán da man. Ademais, sortearanse dúas colchas solidarias elaboradas polo alumnado dos centros educativos antes referidos entre as persoas que dispoñan das rifas á venda durante este mes nos locais comerciais adheridos ao proxecto, así como as dúas láminas realizadas durante o concerto entre o público asistente.
"Quero agradecer a Solidariedade Galega co Pobo Saharauí a súa implicación para mellorar a calidade de vida dos refuxiados saharauís e promover medidas que axudan a sensibilizar á cidadanía sobre esta realidade. Temos que ser conscientes da situación que atravesan as persoas noutros lugares do mundo e, sempre que poidamos, aportar o noso gran de area para transformar o mundo a mellor. Desta vez, temos unha iniciativa que une cultura e solidariedade. E en Ribeira sabemos ben disto. Cada ano temos familias de acollida dentro do programa Vacacións en Paz. O Concello de Ribeira seguirá apoiando aquelas actuacións dirixidas a fomentar as manifestacións de solidariedade que se dean na nosa comunidade", en palabras do concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño. Neste senso, o edil indicou que a Administración local ribeirense colaborará economicamente con este proxecto para pagar os billetes de traslado da rapazada dende o Sáhara a Galicia, para que sexan acollidos nos fogares ribeirenses durante o verán. De feito, neste ano está previsto que sete menores saharauís pasen o período estival en Ribeira.
Doutra banda, a delegada no Barbanza de Sogaps, Covadonga Rodríguez, explicou que o proxecto Abrigo e Acubillo que chega ao seu fin con este concerto contemplou unhas charlas de sensibilización entre o alumnado e a confección das referidas colchas con retallos de tea.
Tamén interveu Suso Bello, por parte de Boroa, quen dixo que haberá gaita, percusión, guitarra e voz acompañada de David Couce, quen elaborará dúas láminas con tinta china, interpretando a música con arte figurativa.
Estiveron presentes, ademais, dúas familias de acollida de Ribeira: María Elena Lema e María José Gude.
O prezo da entrada establécese nos 3 euros por persoa; importe íntegro que irá destinado ao programa Vacacións en Paz 2026 que acolle a menores saharuís, refuxiados nos campamentos de Tindouf, durante os meses de xullo e agosto.