Buscador

Ribeira volverá gozar da música ao abeiro da Aula Galega de Saxofón
Whatsapp: Ribeira volverá gozar da música ao abeiro da Aula Galega de Saxofón

A décimo oitava edición da Aula Galega de Saxofón chega ao Conservatorio Profesional de Música ‘Enrique Paisal’ neste mes de maio. Trátase dun ciclo formativo arredor de dito instrumento con participación de alumnado do conservatorio ribeirense, así como doutros espazos de música da xeografía galega.

"O noso Conservatorio goza de gran actividade e número de alumnado, o que demostra que Ribeira é terra de músicos. Por iso, dende o Concello continuamos apostando por achegar formación profesional nesta materia, contando con músicos de relevancia internacional. Ademais, en vindeiras datas rematará o ciclo de frauta e o de música antiga", manifesta a concelleira de Educación, Nucha Brión, na compaña do director do Conservatorio, Álvaro López, e do secretario, José Fungueiriño.

O perfil é de estudantes do grao profesional e superior que teñen unha inquedanza por completar a formación que reciben no seu centro con outro profesorado de relevancia internacional que desenvolve a súa actividade fóra de Galicia.

Nesta fin de semana, o alumnado ofrecerá unhas audicións para poñer punto final ao segundo cuadrimestre, correspondente aos meses de febreiro a maio, na que tamén participarán o mestre de saxofón, Xabier Casal, do Conservatorio Superior das Illas Baleares, con Takahiro Mita como pianista acompañante, do Conservatorio Superior de Música de Aragón. A música soará no sábado, 16 de maio, ás 19.30 horas, e o domingo, 17 de maio, ás 18.00 horas, no salón de actos.

Tamén haberá soporte técnico a cargo de Roi Barros, como colaborador da actividade, quen asumirá pequenos arranxos nos saxofóns do alumnado que o precise.

A maiores, na tarde de onte, 14 de maio, ofreceuse unha audición de piano, ás 19.00 horas.

Aberta a matrícula para as probas de acceso

No xoves, 14 de maio, ás 20.15 horas, houbo unha reunión informativa arredor das probas de acceso ao Conservatorio, no propio salón de actos. Xa está aberto o prazo de matrícula para o Grao Elemental e Profesional; trámite que se poderá formalizar ata o 22 de maio. No que respecta ao calendario de probas, no 10 de xuño, a partir das 16.00 horas, estará orientado ao 1º Grao Profesional e, no 11 de xuño, dende as 16.30 horas, para o 1º Grao Elemental. Nos días 17 e 18 de xuño haberá probas para cursos distintos ao primeiro das 16.00 horas en diante.