
O Concello de Ribeira recibiu notificación da Xefatura Territorial da Consellaría da Sanidade con relación á clasificación sanitaria final das zonas de baño do municipio na pasada tempada e vixente para este 2026.
Tódalas praias valoradas reciben a cualificación de "Excelente" segundo o sistema de cálculo da Directiva 2006/7/CE. Aquí avaliáronse 17 zonas do litoral ribeirense: A Ameixida, A Corna, A Muralla, Area Secada, Balieiros, Baluarte, Castiñeiras, O Castro-A Catía, Coroso, Corrubedo, Mosqueiros, O Porto, O Prado, O Touro, dúas áreas de O Vilar e Río Azor.
A alcaldesa, María Sampedro, enxalza a calidade da contorna marítima, pois "temos unhas praias excelentes para desfrutar, para pasear, para descansar e, con estes resultados nas que acadamos a máxima cualificación, tamén garante uns excepcionais areais para o baño agora no verán."
Estes datos son públicos e poden ser consultados a través da páxina web da Consellaría da Sanidade, dentro do apartado da Sanidade Ambiental e do Sistema de Información Nacional de Augas de Baño (Náyade).