
O viveiro de empresas de Ribeira acollerá no 19 de xuño a charla E ti, coñeces a fórmula? dentro do programa de sensibilización para o emprendemento cooperativo. Trátase dunha medida que promoven varias entidades, entre elas, o Programa Integrado de Emprego de Ribeira.
Este coloquio desenvolverase en horario de 09.30 a 13.30 horas e está aberto a toda a cidadanía en xeral, se ben especialmente orientado tanto a persoas desempregadas como emprendedoras, ou incluso ocupadas interesadas en coñecer a fórmula cooperativa e que poidan ter un potencial interese en desenvolver un proxecto de emprendemento cooperativo.
"Seguimos traballando para mellorar a empregabilidade da cidadanía e agora achegamos unha charla para dar a coñecer un modelo de negocio descoñecido para moitos como é o cooperativismo. Dende o Concello de Ribeira cremos neste tipo de medidas que axudan aos nosos veciños e veciñas a descubrir novas fórmulas cara mellorar a ocupación", en palabras da concelleira de Promoción Económica, Carmen Pérez.
Os obxectivos son dar a coñecer o cooperativismo, o seu funcionamento e as súas vantaxes en comparación con outros modelos de negocio; eliminar mitos e prexuízos sobre os procesos de traballo participativos; e visibilizar como o emprendemento en cooperativa pode contribuír á mellora da empregabilidade e ao crecemento profesional. Para tal fin, seguirase unha metodoloxía activa e participativa con actividades grupais e coñecer experiencias neste modelo de negocio.
As prazas son limitadas e requírese inscrición previa a través do whatsapp 669 150 809, enviando os seguintes datos: nome e apelidos, DNI e data de nacemento.
O dito programa enmárcase na Rede Eusumo, impulsada en colaboración coa Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para o fomento do cooperativismo e a economía social; ademais do Programa de Emprego, Formación, Educación e Economía Social, Efeso, cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus para o período 2021-2027, a través do organismo intermedio Cepes.