
O Concello de Ribeira adquire un quad para o Grupo de Atención e Emerxencias Municipal grazas á colaboración da Xunta de Galicia despois de que a Administración local resultase beneficiaria dunha subvención do Fondo de Compensación Ambiental por importe de 6.519,52 euros dos 8.826,70 euros que custa o vehículo.

A alcaldesa e titular da área de Seguridade Cidadá, María Sampedro, estivo na recepción deste vehículo xunto a varios integrantes do GAEM. "Fortalécense así os medios materiais cos que conta este grupo de emerxencias no desenvolvemento das súas tarefas habituais, especialmente, en terreos nos que custa máis desprazarse cun turismo ou furgoneta. Deste xeito, o quad será de especial utilidade en dispositivos de emerxencia como andainas ou carreiras, asistencia en praias, apoio en operativos de busca de persoas desaparecidas, avituallamentos en incendios ou axuda para a retirada de animais varados nos areais. Con relación a isto último, aforraranse cartos pola retirada dos cetáceos que aparecen mortos no litoral", en palabras da rexedora.