Buscador

Aguiño camiñará contra o cancro na cuarta andaina solidaria do 6 de setembro
Whatsapp: Aguiño camiñará contra o cancro na cuarta andaina solidaria do 6 de setembro

A xunta local da Asociación Española Contra o Cancro coa colaboración do Concello de Ribeira e outras entidades impulsan a cuarta andaina solidaria para camiñar por Aguiño no 6 de setembro. A saída será dende o porto da parroquia, a partir das 19.30 horas, para completar unha distancia de aproximadamente 5 quilómetros pasando a carón do mar ata o lavadoiro de Penisqueira.

Durante a súa intervención, o concelleiro de Deportes, Álex Vidal, gabou o dinamismo desta entidade e a cantidade de probas deportivas que promoven para recadar fondos para a investigación contra o cancro e seguir concienciando á cidadanía sobre esta enfermidade. A outra andaina Ribeira en marcha contra o cancro ou a travesía a nado Illa de Rúa son dous exemplos. "Dende o Concello de Ribeira apoiamos todas estas accións que axudan a sensibilizar á veciñanza e tomar parte activa para poñer da súa parte para mudar unha realidade", en palabras do edil. No acto de presentación tamén participaron a presidenta da xunta local de Ribeira da AECC, María Jesús Paz; a vicepresidenta, Ramona Paz; a vogal, Teresa Sampedro; e o patrón maior da Confraría de Pescadores de Carreira-Aguiño, José Antonio Santamaría.

O prazo de inscrición xa está aberto a través dos teléfonos de contacto 630 252 426 ou no 630 921 446, na sede da xunta local ou na propia andaina. A contía a aboar será de 5 euros, ademais de dispoñer da opción de adquirir a camiseta por outros 5 euros. No caso de menores de 12 anos, o importa a pagar para participar estipúlase nos 3 euros.