
As festas patronais de Santa Uxía comezaron onte de maneira oficial coa inauguración da mostra colectiva de artistas donostiarras Xuntos pola arte que se poderá contemplar no Centro Cultural Lustres Rivas ata o 3 de outubro. A mostra atópase conformada por 35 obras de 13 artistas unidos pola amizade e a paixón compartida pola pintura xurdida unha década atrás no Centro Cultural Oquendo e en varios obradoiros de San Sebastián. Pasado o tempo, converteron o Zaldu Urdina no seu punto de encontro e, no 2023, acompañaron ao mentor do grupo, Patxi Paz, á súa exposición individual en Ribeira para así descubrir tamén Galicia.
"Hoxe compren coa promesa feita un par de anos atrás", declarou a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, durante o acto inaugural no que estivo acompañada polos creadores.

Óleo, acrílico e acuarela trazan mariñas, paisaxes e retratos que amosan a diversidade de perspectivas, de sensibilidades e de maneiras de entender a realidade; "todos eles unidos pola súa paixón pola pintura, pero sen renunciar ás súa visión individual", indicou Sampedro.
A rexedora tamén se referiu á transcendencia desta mostra ao conectar dous puntos da xeografía española. "Un grupo de amigos unidos pola arte, do Centro Cultural Oquendo ao Centro Cultural Lustres Rivas, unindo tamén San Sebastián e Ribeira. Un exemplo máis de que a arte é unha linguaxe universal que une pobos e culturas. E para o Concello de Ribeira é un pracer acompañalos nesta viaxe compartida, pincelada tras pincelada, entre amigos", destacou.
O público pode visitar a sala de luns a venres, de 10.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas, así como os sábados, dende as 10.00 ata as 14.00 horas.