
A Asociación Saúde Mental A Creba recibiu nesta semana o cheque do recadado na II Andaina pola Saúde Mental celebrada o sábado, 10 de outubro, en Ribeira co gallo do Día Mundial da Saúde Mental. Recadáronse 755,05 euros e participaron 140 persoas, case duplicando a cifra de asistentes do ano anterior.
Álex Vidal, concelleiro de Deportes, e Abraham Benítez, voluntario e impulsor da andaina, foron os encargados de facer a entrega ás usuarias da entidade.
"Unha vez máis asistimos ao deporte como unha ferramenta para romper barreiras e cun fin solidario que, desta vez, recadou fondos para a saúde mental. É de agradecer as iniciativas que promove A Creba para concienciar sobre a importancia da saúde mental, así como ás persoas voluntarias que axudaron a que esta cita fose unha realidade", en palabras do edil.
Dende A Creba valoran e agradecen a implicación de tantas persoas nesta iniciativa, destacando a importancia de sentirse parte da comunidade e normalizar a participación de persoas con problemas de saúde mental en actividades fóra do centro. "Con este tipo de encontros búscase reivindicar os vínculos naturais e romper o estigma que pode chegar a invalidar ás persoas con estas dificultades, obstaculizando o seu desenvolvemento persoal e o camiño a unha vida independente", apuntaron. Así mesmo, en consonancia ao manifesto do Comité Pro Saúde Mental en Primeira Persoa e a Rede Estatal de Mulleres da Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA -lido ao final da andaina por persoas voluntarias e usuarias-, o obxectivo é "concienciar á poboación para que un diagnóstico non sexa o obstáculo para unha vida mellor, e que a vida non sexa un simple diagnóstico."