Buscador

O Concello de Ribeira mellora a terraza e climatización do mercado municipal
Whatsapp: O Concello de Ribeira mellora a terraza e climatización do mercado municipal

O mercado municipal de Ribeira conta xa con mellores prestacións despois de que se actuase na terraza do mesmo e, actualmente, se poña o foco na climatización de toda a infraestrutura; unha praza de abastos que ostenta o selo de Mercado Excelente. O investimento total destas dúas intervencións sitúase nos 142.572,41 euros, financiados en parte cunha subvención da Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia.

En consecuencia, a Administración local efectuou a retirada da tarima existente e colocou un novo chan técnico exterior impermeable, ademais do acondicionamento das paredes e bancos de madeira; unhas obras a cargo de Serdeco Contratas, S.L. por un importe de 36.094,30 euros, IVE incluído.

Actualmente tamén se acometen traballos de mantemento correctivo e reposición de equipos co fin de asegurar o correcto servizo de climatización do edificio, sen modificar a configuración xeral da instalación existente; todo isto da man de Montaxes Eléctricas Noroeste S.L. por 106.478,11 euros, con impostos. Unhas tarefas que rematarán en vindeiras datas.

"Seguimos traballando para que praceiros e clientes gocen dunhas mellores prestacións nesta praza de abastos que, meses atrás, recibiu o selo de Mercado Excelente. A mellora da terraza está pensada de cara o verán para funcionar xa a pleno rendemento, mentres que a optimización da climatización xa se poderá desfrutar nesta época. A maiores, nos pasados meses tomamos medidas na iluminación perimetral e das escaleiras, así como o pintado da fachada; todo isto tamén enmarcado na subvención da Xunta", tal e como apunta o concelleiro de Mercados, Vicente Mariño.