Buscador

Ribeira premeu o botón do inicio do Nadal
Whatsapp: Ribeira premeu o botón do inicio do Nadal

As rúas de Ribeira xa viven o espírito do Nadal despois do acendido da iluminación e apertura do belén municipal, coincidindo coa celebración do Black Friday, que marca o inicio da época festiva por excelencia do inverno.

Un ano máis, a rapazada foi a encargada de premer o botón que dende hoxe ilumina as noites con ornamento propio destas datas. Baixo a cúpula luminosa instalada no Malecón, a alcaldesa, María Sampedro, destacou que "volvemos establecer sinerxías entre o inicio do Nadal no noso municipio e o Black Friday para dinamizar social e economicamente a nosa cidade e, neste ano, a iluminación chega ao mesmo tempo a tódolos puntos do noso territorio. Se xa podemos presumir de que vivimos no lugar máis bonito do mundo, con esta decoración aínda máis. A maxia e a ledicia chegan a cada recuncho. O mellor agasallo por estas datas é ver a cara de ilusión de tódolos nosos veciños."

Despois chegou o momento de desprazarse ata a praza de Porta do Sol para descubrir o nacemento; momento no que o público congregado puido desfrutar dun chocolate con churros e degustación de petiscos do mar coa foodtruck de Galicia Sabe AMar.

Pero o centro urbano tamén se dinamizou co espectáculo itinerante O séquito branco do Carteiro Real, de Troula Animación, e a Charanga BB+.

Máis de 450 elementos luminosos

O Concello de Ribeira adxudicou no pasado mes de outubro o subministro, instalación e mantemento da iluminación á empresa Iluminaciones Santiaguesas S.L., por 217.800 euros anuais, IVE incluído. O prazo de duración do contrato é de dúas anualidades, que se corresponden co período 2026-2027 e 2027-2028, e podendo prorrogarse por dúas máis nas mesmas condicións.

Colocáronse máis de 450 elementos luminosos (arcos, árbores cónicas, motivos laterais, photocall luminosos, figuras volumétricas...) en todo o municipio, tanto no centro urbano coma nas parroquias.

Increméntase así a decoración respecto doutros anos co obxectivo de contribuír ao embelecemento e ambiente festivo das rúas, así como á promoción e ao fomento da economía local, especialmente, do pequeno comercio e da hostalaría como sectores empresarias estratéxicos.