
Iván Parada, Noa Santamaría, Naira Parada, Marta Teira, Noah Olveira, Thiago Vidal e Juanra Millares son os deportistas de kenpo que acadaron diferentes posicións no podio durante o European Championship Spain celebrado recentemente en Bolaños de Calatrava, en Ciudad Real. Por iso, o Concello de Ribeira quixo homenaxealos por traer para o municipio dezaoito títulos entre ouros, pratas e bronces.
A alcaldesa, María Sampedro, manifestou durante a recepción "o orgullo que sinte a sociedade ribeirense por ter deportistas da súa proxección. Veciños que transformaron a súa afección na súa paixón para compartir coa súa xente os seus logros, facendo entre todos máis grande o nome de Ribeira. Por iso quero animalos a que sigan colleitando éxito tras éxito, que sigan chegando esas boas novas porque non son triunfos só para eles, senón para o conxunto dos veciños."
En sentido similar tamén se pronunciou o concelleiro de Deportes, Álex Vidal, para quen "unha das múltiples cousas das que podemos presumir como ribeirenses é a boa saúde da que goza o noso deporte. Temos un gran dinamismo neste ámbito. Os bos resultados non serían posible sen un traballo previo que o avale. Sería inimaxinables sen esa dedicación, ese esforzo e esa paixón polo que facedes."

Títulos no European Championship Spain
O Club Kempo Barbanza estivo no campionato con seis deportistas: Iván Parada foi ouro no semi -80kg Master e prata en katas senior; Noa Santamaría, bronce en katas por equipos e semikenpo -60 kg, na modalidade junior; Naira Parada, prata en katas e ouro en semikenpo -50 kg, na categoría xuvenil; Marta Teira, ouro en kobudo e en semikenpo -60 kg, prata en katas e bronce en submission -60 kg, na modalidade cadete; Noah Olveira, bronce en kobudo, submission -65 kg e semikenpo -65 kg, tamén na cadete; e, Thiago Vidal, bronce en kobudo e prata en semikenpo -40 kg.
A maiores, estivo alí a outro veciño de Ribeira: Juanra Millares, do Kempo Pobra. O seu paso pola competición traduciuse en ouro en semikempo e en knckdown, prata en fullkempo e categoría master -70 kg.

