
O Bruón Folk Fest fai vibrar a parroquia ribeirense de Artes co folclore galego durante as xornadas do 8 e 9 de maio. A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, participou na tarde de onte na apertura deste festival que se enmarca dentro da programación do Maio Cultural 2026 do Concello de Ribeira.
Trátase dun evento que toma o nome dunha lenda segundo a cal, ao pobo asolagado baixo a lagoa de Carregal, sobreviviu un boi que é, en realidade, un mouro encantado, ao que aínda se pode escoitar bruar pola contorna. "Non sei se estes días teremos a oportunidade de escoitalo, o que si sei é que poderemos desfrutar da nosa música e baile tradicional con numerosos concertos", manifestou a rexedora.

Nesta terceira edición tamén hai oco para mesa redonda, parladoiro, obradoiro, demostracións de artesanía e moito máis.
