
A cidadanía volverá camiñar por unha boa causa coa quinta edición da andaina solidaria Ribeira en marcha contra o cancro que botará a andar no sábado, 16 de maio, por parte da xunta local da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en colaboración co Concello de Ribeira, e que homenaxea á Asociación de Veciños de Carreira.
O circuíto partirá ás 18.00 horas dende a praza do Concello para percorrer 5 quilómetros a carón do litoral pola zona de Coroso, con chegada establecida na dita praza.
En representación do Concello asistiron o concelleiro de Sanidade, Vicente Mariño, e o edil de Deportes, Álex Vidal. Mariño destacou que esta proba "é outro exemplo do dinamismo do que goza a xunta local de Ribeira da Asociación Española Contra o Cancro. Hai escasas semanas asistíamos á súa gala-cea solidaria que foi todo un éxito. E agora toca dar pasos cara adiante na investigación para lograr ese obxectivo marcado de superar o 70% de supervivencia ao cancro en 2030. Seguro que unha marea verde de cor esperanza encherá Ribeira nesta marcha do sábado."
Pola súa parte, a presidenta da xunta local da AECC, María José Carreira, xunto á secretaria, María Jesús Paz, e a vogal, Loli Ramos, anunciou que esta é "a última andaina que faremos en Ribeira", pois optan por quedar só coa de Aguiño ao contar cun "itinerario excepcional" e debido á cantidade de iniciativas que proliferan en formato de andaina. Avanzou, ademais, que nesta marcha haberá exhibición de kempo da man de José Cardalda e de zumba de Mimarte, antes da saída dos camiñantes. Carreira aproveitou a ocasión para ter unhas palabras de agradecemento pois en vindeiras datas deixará a presidencia, unha vez teña lugar a travesía a nado. Amosouse satisfeita polo traballo feito ao longo dos 28 anos na entidade (12 deles como secretaria e o resto como presidenta) e auguroulle os mellores desexos a María Jesús Paz, quen asumirá a nova etapa.
Ata o de agora hai máis dun cento de persoas inscritas e o prazo continúa aberto por un importe de 5 euros por adulto e de 3 euros por neno e nena ata 12 anos. Ademais, quen non poida asistir, pero desexe igualmente botar unha man, poderá adquirir o Dorsal Solidario. Estas inscricións poderán formalizarse no propio día da proba no stand habilitado na praza do Concello dende a mañá ou no local da AECC no municipio. Tamén hai a opción en liña a través de www.enmarcha.contraelcancer.es. O recadado irá destinado á investigación contra o cancro.