Noticias

O Concello de Ribeira adxudica catro contratos por máis de 300.000 euros
Whatsapp: O Concello de Ribeira adxudica catro contratos por máis de 300.000 euros

O Concello de Ribeira comeza a semana adxudicando catro contratos por un importe total de 312.212,11 euros, correspondéndose un deles con servizos, mentres os tres restantes son relativos a infraestruturas. "Iniciamos o mes de setembro xa con deberes feitos e temos xa varias obras moi demandadas que se realizarán en vindeiras datas. A que xera maior expectación é a do parque infantil do Centenario, en pleno centro da cidade, pero tamén temos intervención de magnitude para o rural, concretamente para a parroquia de Carreira, así como para o noso parque empresarial. E, ademais, temos unha adxudicación en materia de servizos", destaca a alcaldesa, María Sampedro.

A construción do parque infantil na praza do Centenario é a que supón un maior investimento ao ser adxudicada por a Juegos Kompan, S.A. por un importe de 160.119,30 euros, IVE incluído, ao ser a mellor oferta das cinco empresas que concorreron ao proceso.

Proxéctase a construción dun novo parque deseñado con elementos diferentes aos situados no resto de zonas recreativas para as crianzas no centro urbano co obxectivo de ampliar a oferta de áreas de ocio.

Os elementos a instalar son unha estrutura en forma de cúpula de onde se suspenden varios xogos de corda, capas de redes, escaleiras, pontes de corda, un tobogán, unha hamaca e tirantes; unha randeeira tipo péndulo; unha roda xiratoria; outra estrutura tipo sendeiro de parkour; outra randeeira con asento inclusivo e asento bebé; e unha cunca xiratoria. O período de execución das obras sitúase nos catro meses.

Así mesmo, adxudicouse a pavimentación e instalación de pluviais nunha vía do polígono industrial de Xarás á empresa Canarga, S.L. por unha contía de 78.099,99 euros, impostos incluídos, por tamén contar coa mellor proposta das seis empresas que optaron no proceso de licitación. O acondicionamento deberase acometer nun prazo de dous meses.

Tamén se adxudicou a mellora do firme do camiño que une Laxes-Aldea, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 de España. Movimientos Áridos y Construcciones de Arosa, S.L. (Marconsa) é a que realizará esta actuación por 60.502,47 euros, IVE incluído, nun prazo de dous meses, ao contar coa mellor oferta das tres que se presentaron.

No apartado de servizos, adxudicouse o contrato privado de seguros da flota de vehículos e máquinas municipais por 12.490, 35 euros anuais (exento de IVE) a Axa Seguros Generales S.A. de Seguros y Reaseguros, sendo a que mellor proposta tivo das tres aseguradoras que concorreron. Este contrato dá cobertura a un total de 42 vehículos e a duración establécese nos dous anos, con posibilidade de prórroga dun ano.