Noticias

O Concello de Ribeira mantén aberto o prazo para optar ás axudas económicas individuais para a autonomía persoal
Whatsapp: O Concello de Ribeira mantén aberto o prazo para optar ás axudas económicas individuais para a autonomía persoal

O Concello de Ribeira mantén aberto o prazo da convocatoria das axudas económicas individuais para favorecer a autonomía persoal, a mellora da accesibilidade e o apoio ao respiro familiar. O importe total é de 35.000 euros, financiados a través do POS para gastos sociais da Deputación da Coruña, coa finalidade de, en palabras do concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño, "mellorar o día a día das persoas perceptoras e a súa máxima integración, mellorando o seu benestar e favorecendo a súa mobilidade, comunicación e participación na vida social e económica da súa contorna."

Establécense dúas liñas de axudas: as axudas individuais destinadas á promoción da autonomía persoal e a mellora da accesibilidade, cunha asignación de 25.000 euros; e os servizos para o respiro e a conciliación familiar a unidades de convivencia, con 10.000 euros.

O prazo para presentar as solicitudes permanece aberto ata o 1 de setembro, cumprindo así os dous meses dende a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP). O trámite pode formalizarse na sede electrónica municipal, na Oficina de Atención Cidadá ou no Departamento de Servizos Sociais. Para calquera dúbida ou información, é preciso pedir cita a Servizos Sociais.

Requisitos dos beneficiarios

As persoas que se poden beneficiar son aquelas que teñan recoñecida a situación de dependencia e/ou discapacidade e que reúnan os seguintes requisitos:

- Estar empadroado/a e ter residencia efectiva no municipio de Ribeira durante seis meses inmediatamente anteriores e continuados á data de presentación da solicitude.

- Que a renda per cápita da unidade de convivencia da que forma parte o solicitante non supere o 125% do IPREM establecido para o ano 2026, incluíndo as pagas extraordinarias. Cando a unidade familiar estea formada por dous membros, este límite será elevado ata o 150% do IPREM e, cando estea formada por un só membro, ata o 175% do IPREM.

Produtos de apoio ou axudas técnicas subvencionables

  1. Para o aseo e hixiene persoal:

  1. Para evacuación:

· Cadeira para inodoro

· Alza ou asentos para inodoro

  1. Para baño e ducha:

· Padiola para baño e ducha antideslizante e ergonómica

· Ducha para a cama

· Cadeira de baño e ducha

  1. Para a alimentación:

· Cubertos adaptados

· Mesa regulable ou adaptada para cadeira

· Butaca articulada

  1. Para a mobilidade, posicionamento e protección persoal:

  1. Para mobilidade persoal:

· Adaptacións de acceso ao vehículo

· Camas articulada con carro elevador

· Guindastres de transferencia eléctricas

· Guindastres de mobilización de persoas

· Arneses para guindastres

· Somier articulado

· Coxín ou almofada antiescaras

· Asento xiratorio

· Colchón antiescaras

  1. Para a mobilidade vertical:

· Plataforma para subir escaleiras

· Plataforma con raíl

· Cadeira salva escaleiras

  1. Para posicionamento:

· Táboas e discos de transferencia

· Coxín e saba para xirar

· Chalecos e cintos de protección

  1. Para protección persoal:

· Colchón antiescaras

· Cintos de suxeición

  1. Para a comunicación:

a) Axudas técnicas para lectura e escritura

b) Comunicación aumentativa e alternativa

  1. Para o acceso ás Tecnoloxías de Información e da Comunicación (TIC)

· Dispositivos de entrada ás TIC

· Dispositivos de saída ás TIC

  1. Para persoas con discapacidade auditiva ou persoas con discapacidade visual:

a) Axudas técnicas para comunicación telefónica

b) Avisadores luminosos (reloxos, espertadores, timbres, etc.)

c) Produtos de apoio para o fogar

7. Outros gastos de conceptos "axuda técnica e adecuación funcional de vivenda" que favoreza a accesibilidade e autonomía e propiciar a permanencia a no seu fogar en condicións de seguridade, mellorando a súa calidade de vida así como a do seu entorno familiar, non recollidos nesta relación a valoración da comisión técnica.