Veran cultural

Unha das actividades estrela do Departamento de Cultura e Festexos de Riveira é sen dúbida o Verán Cultural. Nesta programación, a máis extensa e participativa, realízanse todo tipo de actividades, culturais e de ocio, para persoas de todas as idades. Nela ten cabida a música, teatro, xornadas, cinema, excursións, campamentos, obradoiros, festas, exposicións, etc.

Abarca os meses de xullo e agosto, co foco de actividade nas fins de semana, principalmente venres e sábados. Aínda que se pon a maior intensidade nestes días, a programación multiplícase chega a ocupar, xoves e domingos, ou incluso semanas enteiras.

A maior parte das actividades teñen lugar ao aire libre, é o caso dos obradoiros na rúa, as xornadas de sensibilización infantil, os concertos, a maxia, a danza, o circo, as excursións, as feiras, etc.

Dentro desta macro programación existen outras dúas, A FIESTRA DA CULTURA, centrada en eventos musicais, de danza, teatro, cine e maxia; e O VERÁN CULTURAL INFANTIL, dedicado aos máis pequenos, e onde os obradoiros, excursións, xornadas, inchables e cinema ao aire libre son os protagonistas.

As actividades que teñen lugar no interior son basicamente as exposicións, que se presentan nas dependencias do Auditorio Municipal e os Obradoiros Multidisciplinares XOGA CON NÓS que se celebran nos colexios e casas da cultura das distintas parroquias do municipio, coa participación de preto de cincocentos nenos/as de 3 a 7 anos. Estes obradoiros teñen unha duración de dous meses en horario de mañá, e neles realízanse xogos, cancións, actividades pre-deportivas, de reciclaxe, excursións, artesanía, etc, con monitoras e monitores especializados en tempo libre, lecer e animación sociocultural.

Tamén se realizan outros obradoiros, como o INFORXOGO, que versa sobre informática e novas tecnoloxías e está orientado a rapaces de 8 a 13 anos, onde a través do xogo descobren a utilidade e importancia da informática, internet, etc, e lévase a cabo na AULA MUNICIPAL DE INFORMÁTICA E NOVAS TECNOLOXÍAS de Aguiño. Isto complétase con obradoiros de pintura, graffiti, ou música, como é o caso de INFANTIMÚSICA que se desenvolve no Conservatorio Municipal.

Consolidado nos últimos anos tamén contamos co programa CINE NAS PARROQUIAS. Sesións de cinema ao aire libre onde se proxectan filmes de actualidade cunha entrada libre e gratuíta. Ata agora tivo lugar en todas as parroquias, o que converte as noites do verán en cinema vivo. Acoden ao redor de 150 persoas por sesión, e vén subvencionado a través da Deputación da Coruña.

Outra das actividades do verán son as XORNADAS DE SENSIBILIZACIÓN Á POBOACIÓN INFANTIL, que están dedicadas a temáticas diversas, e pretenden que os nenos e nenas se divirtan ao tempo que aumentan o seu acervo cultural e coñecen novos valores.

Este ano celebrouse a terceira cunha participación de máis de cen rapaces e rapazas de 6 a 12 anos. As primeiras foron dedicadas á Igualdade de Xénero, as segundas estiveron centradas en Natureza, Arte e Cultura, e este ano versaron sobre Patrimonio e Medio Ambiente.

Estas actividades orientadas á poboación infantil e xuvenil compleméntanse con outras de temática diversa, como festivais, excursións, campamentos, viaxes culturais, certames, exhibicións, etc, que xorden ao longo do verán segundo a data, lugar, ocasión e demanda da cidadanía.

En canto ao programa da FIESTRA DA CULTURA, o que priman son unha ampla variedade de concertos de todo tipo, desde a música dos novos coa participación de grupos locais e comarcais, ata espectáculos de artistas consagrados no panorama nacional e internacional, xa que por Riveira nas últimas datas puidemos escoitar e ver a Pablo Bicho, El Sueño de Morfeo, Rey Lagarto, Fran Perea, Tamara, Sergio Dalma, Muchachito Bombo Infierno, Pereza, Los Suaves, Coti, Carlos Baute, Berrogüeto, Luar na Lubre, Milladoiro, Carlos Nuñez, Bumba, Jabon Blue, etc.

As actuacións localízanse no Paseo do Malecón, onde está situado Palco de Pedra, e tamén comparten escenario coa maxia (Mago Antón, Cristyan Magic, Mago Kiko, Mago Pablo...), danza (Nova Galega de Danza, Ballet Nacional de Kiev...) ou circo (Circo Acrobático Nacional de Pekín). Estes espectáculos, de entrada gratuíta, realízanse a ceo aberto polo xeral nas noitiñas dos venres e sábados dos meses de xullo e agosto.

Destaca tamén a MOSTRA DE MÚSICA E DANZA, que vai pola súa XIII Edición. A Praza do Concello ao longo de dous días de agosto convértese nun escenario no que as entidades e agrupacións locais, como a asociación AIRES DA DORNA, ALFAIA, CORAL MUNICIPAL, AMENCER, CÍRCULO MERCANTIL, e outras, posibilitan que se acheguen a riveirenses e visitantes a música e o baile tradicionais.

Máis recentemente, desde o ano 2005, vénse celebrando unha actividade con grande acollida por parte da xuventude deste municipio e de toda Galicia. Trátase do ELEKTRODO, un festival “distinto” que se desenvolve no Parque Periurbano da San Roque, con acampada libre e gratuíta, co-organizado pola Asociación Cultural FREAKPLANETA e esta delegación; nela participan grupos e artistas alternativos, do panorama nacional e internacional, caso de MARK BROOM, DARKROWLIVE, FRAN RIVES, CHICLEGLOBITO, DJ VILOU, XAZIO, DEKILIBRIO, etc.

Outra das actividades que non faltan son feiras e exposicións, de diversa temática con especial fincapé na pesca e no mar, sector económico fundamental nesta cidade. A FEIRA DO MAR, a EXALTACIÓN DE PEIXE ou a ROAD SHOW do FROM, son algunhas das convocatorias expositivas que se ofrecen en Riveira.

Esta programación do Verán Cultural é complementaria ás numerosas actividades organizadas a través dos festexos (competencia desta delegación), que as distintas parroquias levan a cabo, tales como as FESTAS DO VERÁN en Riveira, FESTAS DO CARME de Aguiño, FESTA DO TURISTA en Corrubedo, FESTA DO EMIGRANTE en Palmeira, FESTAS DE VERÁN de Artes, Olveira, Carreira, Oleiros, Castiñeiras..., ou as patronais de Santa Uxía, Santa Tegra, San Paio, e un longo etcétera.