Novas

Ribeira aprende a reparar, transformar e reutilizar a roupa cos obradoiros de costura creativa e upcycling
Whatsapp: Ribeira aprende a reparar, transformar e reutilizar a roupa cos obradoiros de costura creativa e upcycling

O Concello da Ribeira pon en marcha neste mes de outubro un ciclo de obradoiros de
costura creativa e upcycling téxtil para achegar á veciñanza ferramentas prácticas co fin de
alongar a vida útil do noso armario e transformar a nosa relación coa moda a través do
deseño circular.

A proposta parte dunha idea sinxela: a peza máis sustentable é a que xa temos. Fronte a
unha industria da moda que figura entre as máis contaminantes e a uns millóns de toneladas
de téxtiles que se desbotan cada ano aínda con vida útil, os obradoiros apostan pola
economía circular: reparar, transformar e re-imaxinar.

Tres sesións para adultos: iniciación á costura

O ciclo comeza o vindeiro xoves 22 de outubro cun obradoiro de 2,5 horas pensado para
quen quere perder o medo á agulla e gañar autonomía co costureiro:

1. Xoves 22 de outubro, de 11:00h a 13:30h – «Primeiros pasos na costura».
Coñecemento das ferramentas básicas, como enfiar a agulla, facer nós de remate e
practicar as puntadas fundamentais (hilván, punto atrás e sobrehilado). Cada
participante elaborará un mostrario de puntadas físico que servirá de guía de
consulta.

2. Martes 27 de outubro, de 11:00h a 13:30h – «Aprende a reparar». Como coser
distintos tipos de botóns, colocar corchetes e realizar reparacións e reforzos de
costuras, para evitar que unha peza remate no lixo por un pequeno estrago que se
pode amañar facilmente.

3. Mércores 28 de outubro, de 11:00h a 13:30h – «Baixos e acabados». Toma de
medidas, marcado e alfinetado, baixo sinxelo e baixo invisible, con técnicas
específicas para o groso do tecido vaqueiro. Cada participante axustará o baixo
dunha peza propia traída da casa.

Tres sesións para nenos/as de entre 6 e 12 anos: customización da roupa

1. Xoves 22 de outubro, de 16:00h a 18:30h – «Customiza a túa roupa». Converter
unha peza esquecida nunha xoia exclusiva, explorando a autoexpresión e o
consumo responsable.

2. Martes 27 de outubro, de 16:00h a 18:30h – «Monicreques de Upcycling». Con
calcetíns que quedaron orfos, as crianzas crearán o seu propio monicreque, ao que
lle poñerán nome, superpoder e voz, e ao que darán vida cunha historia teatral
propia. Trabállase a motricidade fina, a expresión oral e a conciencia ambiental, para
que os máis novos entendan que o «lixo» de hoxe pode ser o recurso de mañá.

3. Mércores 28 de outubro, de 16:00h a 18:30h – «Crea a túa tote bag». Tranformar
un pantalón denim en desuso nunha bolsa resistente e funcional, aproveitando
elementos orixinais como petos e costuras.

Con esta programación o Concello busca achegar a formación á cidadanía e fomentar
hábitos de consumo responsable e reutilización. Estas actuacións van dirixidas a incrementar
a coeficiencia na xestión dos residuos de competencia municipal, cofinanciadas pola Unión
Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.

Cero residuos téxtiles, máxima creatividade

Estes obradoiros seguen o ciclo de vida do armario: avaliar o estado da roupa, intervir para
coser e reparar, re-imaxinar mediante a personalización e, cando a peza orixinal xa non
serve, dar lugar a unha completa «reencarnación» do tecido. Como resume o lema da
entidade, «a moda máis sustentable non é a que se merca, senón a que se transforma».