Buscador

As redeiras de Ribeira son homenaxeadas no Día Internacional da Muller no Sector do Mar
Whatsapp: As redeiras de Ribeira son homenaxeadas no Día Internacional da Muller no Sector do Mar

Ribeira, 16 de maio de 2025. — O Concello de Ribeira celebrou hoxe un acto de homenaxe ás redeiras do municipio, no marco da conmemoración do Día Internacional da Muller no Sector do Mar. A iniciativa quixo recoñecer o papel esencial destas mulleres na identidade mariñeira da localidade, así como reivindicar a dignidade, visibilidade e igualdade no seu ámbito profesional.

A homenaxe celebrouse na Sala Museo Municipal de Ribeira e tamén estiveron presentes acompañando ás redeiras, o rexedor, Luís Pérez xunto cos tenentes de alcalde e varias edís da Corporación Municipal, o acto comezou coas palabras do concelleiro de Mar, Fernando Abraldes sinalando que, “no ano anterior se homenaxearon ás mariscadoras e este ano decidimos homenaxear ás redeiras porque son vitais e esenciais para un sector coma o do cerco; estas nove redeiras traballan tanto na nave, no peirao coma no mesmo barco”. O concelleiro mostrouse satisfeito por poñer en valor e visibilizar “este oficio tan mariñeiro”.

Homenaxe ás redeiras

O alcalde de Ribeira destacou que este era “un día de alegría e de xustiza porque Ribeira rende homenaxe a unhas mulleres que foron e son parte fundamental da nosa identidade mariñeira”. No seu discurso, puxo en valor o traballo das redeiras, cualificándoo como “un acto de cariño ao mar” que vai máis alá do labor físico: “non só traballades coas mans; traballades coa alma”.

O rexedor lembrou que, durante moito tempo, o traballo das redeiras foi invisibilizado, como acontece tantas veces co labor das mulleres. Por iso, subliñou que “sen vós, o mar non pesca. Sen vós, non hai faena completa. Sen vós, non se entende a Galiza que vive do mar”.

O alcalde tamén lembrou que “a igualdade non é unha data, senón un camiño que se percorre todos os días”. Neste senso, expresou o compromiso do Concello para seguir traballando en prol dunha maior visibilidade e recoñecemento do traballo en xeral das mulleres e tamén nas do sector marítimo como as redeiras, así como para garantir que dispoñan de instalacións dignas e sen deficiencias.

A homenaxe converteuse así nun acto de recoñecemento, pero tamén de compromiso institucional e social coa igualdade no sector do mar, destacando o exemplo, a loita e a dignidade das mulleres que sosteñen, día a día, a tradición mariñeira de Ribeira.

As homenaxeadas foron: Alicia Dios, Berta Paz, Montse Reiriz,  Pacucha Crujeiras, Clara Muñiz, Pacucha Ferreiro, Sonia Olveira, Sonia Martínez e Manolita Vázquez.