Buscador

A Orquestra Sinfónica de Galicia soará novamente en Ribeira 
Whatsapp: A Orquestra Sinfónica de Galicia soará novamente en Ribeira 

Ribeira, 16 de maio de 2025 — Hoxe tivo lugar esta presentación que fará as delicias dos amantes da música clásica, asistiron o rexedor, Luís Pérez, o segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta e a concelleira de Cultura, Antía Alberte.

No marco da programación do mes de xuño a concellería de Cultura de Ribeira ofrecerá un concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia no novo auditorio municipal o día 7 de xuño ás 20:00 h. A proposta faise posible grazas á colaboración da Deputación da Coruña, que achega a Ribeira esta formación no marco das súas accións culturais, encargándose a área de cultura do Concello de Ribeira da coordinación, asistencia técnica e organización do mesmo. 

A Orquestra Sinfónica de Galicia foi unha das formacións coas que configurou a programación inaugural do novo auditorio no pasado mes de xuño do 2024, e xusto un ano despois, volve de novo a Ribeira  trala boa acollida e para que toda a veciñanza poida gozar dos seus concertos. O rexedor afirmou con respecto á actuación do ano pasado que “sabíamos que tíñamos unha débeda con tódolos ribeirenses xa que no pasado mes de xuño houbo veciños e veciñas que non puideron entrar; por iso nos comprometémonos no mesmo día da actuación a volver traer esta orquestra de primeiro nivel”. Pérez Barral agradeceu á Deputación da Coruña, “especialmente ao ámbito de cultura pola súa colaboración”

A concelleira de Cultura salientou que “é un concerto de grande envergadura no que haberá sobre o escenario máis de 50 músicos baixo a dirección titular do violinista Roberto González-Monjas e no que se ofrecerá un repertorio de W.A. Mozart composto polo concerto para violín nº4 en re maior, rondó en do maior e concerto para violín nº5 en la maior.

Suárez-Puerta  sumouse aos agradecementos á Deputación “por permitirnos a achega deste concerto de alto nivel para os veciños e veciñas de Ribeira”.

O prezo público para a entrada individual fíxase en 2,50€  incrementada en 0,50 € en concepto de comisión da entidade bancaria, polo que o importe total para o público por entrada individual será de 3 €. A posta en marcha deste prezo público ten entre os seus principais obxectivos o de acadar unha mellor xestión do fluxo de asistentes ás representacións, considerándose por elo convinte establecer un importe de entrada “simbólico” que garanta a reserva da butaca aos asistentes, completar a cabida do local e que non teña carácter disuasorio co fin de garantir o dereito de acceso á cultura.

As entradas poderán adquirirse a partires do luns ás 09:00 horas, a través da billeteira de ataquilla.com e o pago realizarase nesa plataforma mediante tarxeta bancaria. E tamén dende o mesmo momento na á Oficina de Atención Cidadá (OAC) do Concello de Ribeira, de luns a venres de 9:00h a 14:00h, sendo igualmente necesario o pago mediante tarxeta bancaria e a través da mesma plataforma de ABANCA.