Ribeira, 21 de maio de 2025 — Hoxe déronse cita no Ateneo Valle-Inclán de Ribeira (Bar Plaza), a concelleira de Cultura, Antía Alberte, xunto ao colectivo Xomos Refuxio coa presenza de Nela Abella, Manuel González, Sonia Cassau e Valentina de la Vega para presentar esta vixilia en apoio ao pobo palestino.
O próximo sábado 24 de maio, o colectivo Somos Refuxio do Barbanza convoca unha vixilia solidaria de 24 horas en apoio ao pobo palestino e en denuncia do xenocidio que este sofre baixo a ocupación israelí. O acto terá lugar na Porta do Sol, dende as 16:00 horas do día 24 ata as 16:00 horas do día 25, con música, poesía e micro aberto para quen queira sumar a súa voz.
González informou que “imos a montar unha tendas de campaña simulando un campamento e aí teremos diferentes actividades, micro aberto, unha mesa informativa, actuacións musicais voluntarias de artistas da comarca…”, Manuel rematou facendo un chamamento á xente “para que os veciños se animen a traer algunha vela, bandeiras ou carteis reivindicativos”
A concelleira agradeceu ao colectivo Somos Refuxio pola iniciativa, “parécenos unha cousa necesaria facer actividades deste tipo para visibilizar a masacre que esta sufrindo o pobo palestino”. O concello colaborará na asistencia técnica e co son. Antía para rematar sinalou que as actuacións non van a ser grandes concertos, “a xente que non vaia con esa idea, van a ser actuacións sinxelas máis acústicas e tamén agradecese que os músicos traian os aparellos necesarios para levalas a cabo”.
Contexto: Unha crise humanitaria esquecida
Desde hai máis dun ano, Palestina enfróntase a unha escalada de violencia sistemática que organismos internacionais cualifican como xenocidio. O recente bloqueo israelí á axuda humanitaria —alimentos, medicinas e combustible— agravou a situación ata niveis dramáticos. Non podemos normalizar o horror. Esta vixilia é un xeito de dicir que O Barbanza non esquece.
Somos Refuxio é un colectivo nacido en 2016 para apoiar as vítimas da guerra en Siria, e que desde hai máis dun ano volve mobilizarse por Palestina.
Programa cultural e reivindicativo
· Actuacións musicais de Bailadela; Barahúnda; Beíña; Boroa; Chamaquito Pistolas; Juan Sieira, Rubén Cores, Olga e Harpo Antonio; Latexo Percusión; Lau Panicanela; Os Barbansónicos; Suso Bello e Tonhito de Poi, entre outros.
· Micro aberto para testemuños, poesía e intervencións espontáneas.
· Espazo informativo sobre a crise humanitaria que padece o pobo palestino.
Aínda que haberá persoas alí desde as 16:00 do día 24 ata as 16:00 do día 25, as actividades realizaranse entre as 18:00 e as 24:00 do día 24, e entre as 12:30 e as 14:00 do día 25.
Somos Refuxio agradece a colaboración das artistas, persoas voluntarias e do Concello de Ribeira, que facilitou os medios técnicos básicos para garantir a sonorización do acto.
Convite á cidadanía
Convidamos toda a veciñanza a participar, mesmo durante uns minutos, para demostrar que a solidariedade non ten horario.. A entrada é libre e anímase as persoas asistentes a traeren candeas, cartaces ou mensaxes de apoio.