Buscador

A centenaria Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño recibe a Medalla de Ouro do Concello de Ribeira
Whatsapp: A centenaria Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño recibe a Medalla de Ouro do Concello de Ribeira

Ribeira, venres 23 de maio. — Ribeira vestiuse de gala para celebrar a entrega do seu máximo galardón; A Medalla de Ouro á centenaria Confraría de Carreira e Aguiño, entidade que xogou un papel esencial na creación e desenvolvemento da propia parroquia de Aguiño e levou prosperidade a ámbalas dúas parroquias.

O acto celebrouse no novo auditorio de Ribeira ao que acudiron o alcalde de Ribeira, Luís Pérez, o senador, Manuel Ruiz, a responsable da área de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Soledad Agra Tuñas, a Directora Xeral  de Desenvolvento Pesqueiro da Xunta de Galicia, Marta Villaverde Acuña, tenentes de alcalde, concelleiros, concelleiras e edís da Corporación do Concello de Ribeira, o Patrón Maior da confraría, Jose Antonio Santamaría, membros da propia confraría e demais persoeiros do tecido social de Ribeira.

No escenario unha mesa central disposta co Alcalde, o Patrón Maior, o concelleiro de Mar xunto co Secretario Xeral do concello, Juan Manuel Salguero; á dereita da mesa un cabalete sustentando un marco co pergamiño coa medalla incrustada.

Abriu o acto a Coral Polifónica Municipal de Ribeira á que lle seguiu o concelleiro do Mar, Fernando Abraldes que dou a benvida aos asistentes e sinalou “para min é un orgullo estar aquí como concelleiro de Mar e tamén como membro da Agrupación de Mariscadores da Confraría de Carreira e Aguiño. Abraldes reflexionou sobre a propia confraría que tivo o seu máximo esplendor nas décadas dos anos sesenta e setenta, “cunha flota formada por 50 barcos do cerco e do palangre e cun porto que nunca durmía”. O concelleiro falou do contexto actual “con 7 cerqueiros e 93 embarcacións de marisqueo cunha lonxa referencia en ventas do percebe, orizo, navalla e ameixa”. Para rematar o concelleiro tivo palabras de agradecemento ao ex-alcalde Torres Colomer, o párroco, Francisco Lorenzo e José Abraldes, o Patrón Maior que “os tres foron unha referencia en Aguiño”.

A continuación Abraldes pasoulle a palabra ao Cronista Oficial do Concello de Ribeira, Xosé María Fernández Pazos que repasou polo miúdo a densa historia deste pósito centenario que data do ano 1924. Despois da ilustrada intervención de Fernández Pazos, o secretario xeral do Concello leu a acta do acordo plenario celebrado o pasado día 27 de novembro de 2024 no que se acordou por unanimidade o outorgamento da medalla de ouro. Unha vez rematada a lectura da acta pasouse a entrega oficial da mesma nas mans de Luís Pérez e Fernando Abraldes que tiveron a honra de entregar a Medalla de Ouro do concello ao Patrón Maior da Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño, José Antonio Santamaría en medio dunha longa ovación.

Unha vez que se procedeu á entrega da medalla, o Patrón Maior tomou a palabra para agradecer tan alto galardón, “unha verdadeira honra encontrarnos hoxe, neste espléndido auditorio, para recibir, conforme o acordo plenario celebrado o pasado 28 de novembro do 2024, a concesión da Medalla de Ouro da nosa cidade” agradeceu Santamaría.

José Antonio puxo en valor o papel fundamental dos pósitos, aludindo que “foron unha ferramenta necesaria para loitar contra o analfabetismo, de protección contra as consecuencias dos naufraxios, atendendo as familias dos náufragos desaparecidos, para evitar que a morte ou desaparición dun familiar significase a súa ruína  e, tamén, convertéronse en instrumentos útiles para axudar a comercialización do que se pescaba, evitando distantes desprazamentos a pe cara á outras rulas onde se procedía a poxa do peixe”.

Tamén quixo manifestar os novos retos de futuro “un deles é a preservación da natureza mariña. Pertencemos ó Arquipélago de Sálvora que está integrado no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, onde as administracións puxeron en marcha unha reserva mariña coa intención de optimizar o control das capturas na zona de cara á procurar un desenvolvemento biolóxico sostible, tanto das augas coma das especies que nela habitan”, tamén afirmou que outro reto importante é o relevo xeracional.
 
O Patrón Maior rematou a súa intervención salientando que “entendemos, desde o noso cabido, que a concesión a Medalla de Ouro de Ribeira, non só é un recoñecemento polo pasado xa conquistado; se non, polo futuro que nos agarda; esta Medalla obríganos a que así sexa. Quedará na vitrina do noso local social, pero deben saber, que todos os que formamos partes da nosa entidade, a partir de hoxe, pendurará no corazón de cada un de nós.

Para rematar a quenda de intervencións do acto o rexedor sinalou que “non é habitual que teñamos a oportunidade de recoñecer unha traxectoria tan longa, tan profunda e tan entrelazada coa vida dun pobo como a que hoxe celebramos”.

Pérez Barral tomou a palabra para rematar e tamén aludiu ao seu pasado significando “a Confraría de Carreira e Aguiño naceu nun tempo no que o mar era case a única vía posible para sobrevivir, e non só sobreviviu: medrou, fortaleceuse e converteuse no corazón e no motor económico das parroquias de Carreira e Aguiño”. O rexedor tivo un recordo para as mulleres do mar, “moitas veces invisibilizadas, foron e son piares fundamentais deste sector; o seu esforzo merece ser dito en voz alta, recoñecido e valorado como se merece. Falou dos retos de futuro indicando que “os desafíos son moitos: o cambio climático, a diminución da produción das rías, a presión sobre os ecosistemas, a contaminación, a competencia desleal, a necesidade de relevo xeracional. Pero  estou convencido de que, se seguimos traballando de maneira unida como fai a Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño, seremos superarémolos”.

Luís Pérez rematou a súa intervención: “grazas a vós, homes e mulleres de mans curtidas polo salitre, de facianas marcadas polo vento e de corazóns que latexan ao ritmo das mareas, hoxe gozamos dun mar vivo e próspero, un mar que deu para comer a tantas xeracións e que, se o coidamos, seguirá sendo o noso maior aliado no futuro”.

O acto finalizou ca interpretación do Himno Galego por parte de Coral Polifónica de Ribeira dirixida por Alexandre Fontán e cun petiscos para os asistentes.