Buscador

A rúa do Sal atéigase para exaltar o chopo de Ribeira
Whatsapp: A rúa do Sal atéigase para exaltar o chopo de Ribeira

Hoxe celebrouse na rúa do Sal a primeira edición do “Chopo Saleiro”, unha nova cita gastronómica que nace co obxectivo de poñer en valor un dos produtos máis emblemáticos da nosa costa: o chopo. No evento estiveron o alcalde Luís Pérez, a concelleira de Cultura Antía Alberte, o edil de Mar Fernando Abraldes a tesoureira da asociación rúa do Sal Lucía Lampón, David Fernández, María Berenguer, Raquel Sanlés, Lupe Bande e María Pego.

Este evento, organizado pola asociación de hostalería Rúa do Sal e coa colaboración do Concello de Ribeira, pretende ser unha celebración da nosa tradición mariñeira e culinaria. 

“Hoxe, veciños, veciñas e visitantes teredes a oportunidade de degustar o chopo en tres deliciosas preparacións: arroz negro con chopo, empanada de chopo e chopo guisado. Ademais, cada local ofrecerá unha tapa de cortesía de balde, como mostra da súa hospitalidade” explicou o rexedor.

“Chopo Saleiro” é tamén unha iniciativa solidaria, xa que parte dos beneficios recadados destinaranse ás asociacións de protección animal Callejeros Barbanza e Safe an Angel, e o excedente de alimentos será doado á Residencia do Maior de Ribeira. Este xesto reflicte o espírito solidario.

“Quero agradecer especialmente á Lonxa de Ribeira, á Confraría de Pescadores de San Pedro, a Peixes e Mariscos Bomar e a todos os establecementos da Rúa do Sal pola súa implicación neste proxecto. Tamén destacar a participación do grupo de gaitas e pandeireiras, que amenizou esta xornada festiva coa súa música tradicional” detallou Pérez Barral.

O Chopo Saleiro enmárcase dentro do programa do Maio Cultural 2025, que enche o noso concello de actividades culturais e lúdicas ao longo deste mes. Eventos como este contribúen a dinamizar a nosa economía local, a promover os nosos produtos e a dinamizar os negocios.

“Desexo que gocedes desta xornada, que saboreedes as delicias que nos ofrece o mar e que compartades momentos de alegría. Este é p inicio dunha tradición que se consolidará nos vindeiros anos” concluiu o alcalde.