Buscador

Ribeira insta á Xunta a construír a nova residencia pública de maiores.
Whatsapp: Ribeira insta á Xunta a construír a nova residencia pública de maiores.

O pleno acordou por unanimidade unha petición para celebrar unha reunión urxente entre Concello e Consellaría e avanzar nese proxecto “irrenunciable”

Ribeira 27 de maio de 2025. —  O pasado luns 26 de maio tivo lugar o pleno ordinario do mes de maio con 18 puntos onde cabe resaltar a moción de urxencia presentada sobre a futura residencia pública de maiores proxectada en Ribeira e tamén sobre o plan económico financeiro, ámbalas dúas cuestións aprobadas por unanimidade dos grupos que integran a Corporación Municipal.

Saíu adiante coa suma dos 11 votos do Goberno un suplemento de credito do remanente de tesourería para gastos xerai por 89.030,71, do mesmo xeito quedou aprobada a proposición presentada polo PSdG sobre a inclusión do vial do Monte da Cidade no inventario municipal de bens.

Por outra banda decaeu a proposición do Bng sobre a promoción da lingua galega en Ribeira por 14 votos en contra coa suma de 10 do PP e 4 do PBBI por 6 a favor coa suma do Bng e PSdG 1 máis unha abstención do PBBI.

O pleno de Ribeira reclama de maneira unánime avanzar na construción da residencia pública de maiores

Ribeira leva dende novembro de 2021, data na que se asignou o convenio de colaboración entre a Consellaría de de Política Social e o Concello de Ribeira esperando por unha infraestructura vital para o noso concello e tamén para a comarca do Barbanza.

Segundo a cronoloxía do caso, dito convenio establecía un prazo de 4 anos para o cumprimento do mesmo; con anterioridade en outubro do mesmo ano acordárase en sesión plenaria un convenio coa Consellería de Política Social no que se establecía a cesión a título gratuíto dunha parcela para a construción do devandito centro.

O 16 de maio do 2024 tivo entrada no concello — 30 meses despois da signatura do convenio— a solicitude de obra para a construción do edificio, facéndose por parte do departamento de Urbanismo municipal o primeiro informe o 29 do mesmo mes. Dende aquela data o Concello volveu a requerir até 6 veces a falla de documentación e tamén foron varias as veces que se contactou coa responsable máxima da Consellaría, a ribeirense Fabiola García, para solicitarlle a súa implicación na autorización sectorial, en concreto de Augas de Galicia; autorización que nunca chegou ao Concello despois dunha longa espera.

O pasado venres 23 de maio o goberno local tivo coñecemento a través dos medios de comunicación que a Consellaría de Política Social prevía desestimar a construción da nova residencia pública de maiores na parcela cedida polo Concello co suposto argumento dunha futura lei do Goberno de España sobre a construción de espazos públicos en zonas de probabilidade de asolagamento a raíz das inundacións provocadas pola Dina o pasado 29 de outubro de 2024. 

A concelleira de Facenda, Herminia Pouso, salientou que “consideramos que isto é unha burla  aos ribeirenses, unha mostra de ineptitude dos responsables políticos da Xunta que reflicte nunha falla de compromiso da máxima responsable da Consellaría de Política Social co pobo de Ribeira para poder dotar de novos servizos á grande cantidade de dependentes que están na lista de espera para conseguir unha praza residencial”. Pouso engadiu que “dende o PBBI e tamén como membros do Goberno Municipal mostramos a nosa máxima colaboración e disposición para facilitar e facer realidade a dotación dunha nova residencia pública en Ribeira.

As declaracións da responsable de Política Social sobre a renuncia do terreo das Saíñas para a construción da residencia pública espertou o malestar do Goberno local xa que o proxecto estaba listo para a súa aprobación a falta dun único informte de Augas de Galicia.

O segundo tenente de alcalde, Suárez-Puerta, rebateu a legalidade da pobre argumentación que se adoptou para explicar a negativa da construción da parcela das Saíñas: “as normas que se aplican son as vixentes non as posibles e futuras cábalas que nos poida apetecer, se non hai norma aprobada non hai norma aplicable”, e engadiu “neste caso non hai ninguha modificación no regulamento do Real Decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do Dominio Público Hidráulico, que desenvolve os títulos Preliminar, I, IV, V, VI e VII da Lei 29/1985, do 2 de agosto, de Augas”, Colomer remtou afirmando que “isto é mentira; se lle vai quitar 12 millóns de euros de inversión á xente maior de Ribeira”.

O alcalde, Luís Pérez Barral, tomou a palabra para defender o proxecto da propia parcela da Saiñas, na intervención amousou os planos da residencia con documentación do proxecto técnico que achegou a Consellería de Política Social para construcción da residencia de maiores onde non se mostra ningún risco de asolagamento. Tamén indicou que esa mesma parcela no visor da demarcación hidrográfica “Galicia-Costa”, organismo dependente da Xunta, pódese observar  que a parcela  no vai a ser afectada por augas cando menos en 500 anos. Pérez Barral constatou que “dende maio do 2024 até maio do 2025 dende o Concello axilizou tódolos procedementos para poder albergar esa residencia pública e só faltaba o de Augas de Galicia”. O rexedor considerou que Augas de Galicia “poderíadar un informe favorable aplicando pequenas medidas correctoras como se fai en outros lugares con canles e concas fluviais”.

Pérez Barral sinalou que dende a Xunta non se atendía ningún tipo de xestión “até que se presentou unha iniciativa no Parlamento galego na que se pedían explicacións por esa demora e pola falta de execución, xa que nos anos 2022, 2023, 2024 e 2025 os Orzamentos da Xunta recolleron cantidades para executar esa residencia que suman 17,8 millóns de euros sen que a día de hoxe se tivese comezado nada” recriminou o rexedor.

A concelleira María Sampedro tamén informou que o seu grupo non vai deixar que esa residencia pública de maiores se vaia a outro lugar porque ese proxecto ten que ser unha realidade en Ribeira.

Os grupos da Corporación Municipal, aprobaron por unanimidade os seguintes puntos: 

Instar á Xunta de Galicia a comunicar polo cauce regulamentado oficial da nova difundida polo medios de comunicación sobre o desistimiento da construción da residencia de maiores na parcela cedida á consellería polo concello no Lugar das Saínas en Ribeira.

A designación imediata de técnicos da Consellería para manter unha liña de traballo imediata con técnicos municipais de urbanismo e responsables do Goberno Municipal de Ribeira para analizar os criterios técnicos e legais que impedirían a construción da residencia pública no lugar proxectado, dado que non houbo cambios normativos na lexislación vixente e, de ser o caso, axilizar ao máximo a localización dunha nova parcela para a construción da nova residencia pública de maiores de Ribeira.
Requirir aos servizos de Urbanismo do Concello de Ribeira, de forma inmediata, un informe no que se detalle a situación legal na que se atopa actualmente o proxecto, a normativa aplicable o mesmo e si é viable realizar a construción segundo a normativa vixente.


Unanimidade na aprobación do Plan Económico Financeiro (PEF)

Nun informe realizado polo departamento de Intervención o pasado 13 de maio de 2025 constatouse o incumprimento do principio de estabilidade e da regra de gasto na liquidación do Concello de Ribeira do ano 2024. Todo isto conforma a obriga establecida na Lei Orgánica 2/2012, do 27 de abril, de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira (LOEPSF) de elaborar e aprobar un plan económico-financeiro para os anos 2025 e 2026 que permita reconducir este escenario.

A edil de Facenda, Herminia Pouso, salientou que “non é algo para preocuparse seriamente pero si é para tomar medidas para poñer mecanismos que nos leven a cumprir ese límites que nos marca a normativa”. Informou que todo o incremento do gasto é debido a tódalas actuacións inversoras que se estaban levando a cabo; eran actuacións onde non se tiña posibilidade de adiar porque moitas delas tiñan finanzamento con fondos europeos por unha parte e fondos propios por outra, “foi este volume de investimentos o que nos levou a incuprir tanto a regra de gasto como a de estabilidade orzamentaria”.

Pouso anunciou que “estos incrementos non son preocupantes no sentido de que as cifras da economía do concello mostran unha contía positiva e non presentan problemas”.

O segundo tenente de alcalde, Suárez-Puerta, subliñou a situación deriva de un exceso de financiación afectada de case 8 millóns, que corresponden a fondos que xa están vinculados a proxectos e que só se poden empregar con ese fin. “É unha obriga legal, pero sobretodo, é unha obriga moral para cos nosos cidadáns aprobar este plan, optar por outra solución obrigaría a realizar subidas impositivas xeralizadas do entorno a un 15%, eso afectaría a economía local e suporía un freno para Ribeira”. 

O rexedor, Luís Pérez, detallou que nos últimos anos os gastos en servizos e subministros como electricidade, servizo axuda no fogar, escola infantil, auga e saneamento, etc. incrementáronse en 1,6 millóns de euros. 

Ademais o rexedor puxo como exemplo que este ano hai que facerlle fronte a obrigas e préstamos aprobados en anos anteriores como 2009, 2014, 2016, 2020, 2021 ou 2023. Pérez Barral salientou os 4,2 millóns de euros subscritos polo goberno anterior que agora debemos pagar polas seguintes actuacións: 688.000€ dun préstamo para o auditorio subscrito no ano 2019,  940.000€ para a expropiación dos terreos do novo polígono industrial, 509.000€ para a rehabilitación da casa consistorial, 537.000€ para o contrato de Ferrovial, 175.000€ para un tractor de rozas, 263.000€ para liquidación das obras do auditorio ou 1.080.000€ para o módulo de atletismo.

O alcalde detallou que grazas á aprobación deste Plan Económico Financeiro a débeda irase reducindo no ano 2025 e 2026 pasando do 53,33% ao 41,45%.

A Corporación Municipal tamén aprobou os seguintes asuntos:

Crédito extraordinario por un total de 537.101 euros dos cales 537.000€ son para o pagamento do contrato da iluminación pública exterior e 40.000€ para unha subvención a Culturmar para a celebrción do XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.

Unha suplementación de crédito para traballos de mantemento por un importe de 89.000€.

Modificación do regulamento celebración matrimonios civís para permitir a celebración das unións matrimoniais os domingos, xa que até o momento non se contemplaba esa posibilidade.

Aprobouse unha emenda do Goberno para realizar melloras na pavimentación da rúa Mariño de Rivera tan pronto como sexa posible e haxa dotación económica, así como a mellora progresiva das instalacións de Pádel.