Ribeira 6 de xuño de 2025. — Hoxe celebrouse o acto de entrega do premio da X Edición do Concurso de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira 2024-2026.
O xurado constituído polo técnico de Cultura Unai González Súarez; o historiador e bibliotecario Xoán Xosé Fernández Callón; o escritor e gañador da IX edición deste certame, Manuel Esteban Domínguez; a escritora e presidenta de Barbantia, María Xesús Blanco López e a escritora e representante de Xerais, Alba Guzmán Falcón, determinaron que o libro "O lado nobre do corazón" era merecente deste recoñecemento.
A obra escollida é unha novela intimista que trata sobre a rede de coidados e as relacións familiares, facendo unha escolla impecable das palabras para transitar a beleza narrativa dende a sinxeleza. "O lado nobre do corazón" é un texto de prosa poética e denuncia social, coherente, fluído e polo tanto digno deste recoñecemento.
O acto de entrega foi presidido polo alcalde, Luís Pérez xunto á concelleira de Cultura, Antía Alberte, Alba Guzmán Falcón, escritora (en representación da editorial Xerais) e a gañadora do certame, Irene Lourido Loureiro.
A concelleira de Cultura abriu o acto parabenizando a Irene pola obra salientando que “é unha novela que trata sobre os coidados, unha muller que coida do seu pai, é unha obra que gustou ao xurado pola escrita, pola súa claridade, e finalmente pola temática elixida pola autora por ser un tema importante de abordar e visivilizar”.
A continuación Alba Guzmán, procedeu a ler a acta do xurado para despois facerlle a entrega o alcalde do diploma acreditativo e dun cheque valorado en 3.000 euros que, xunto coa publicación da obra, forman parte do premio.
A galardoada moi agradecida polo premio sinalou que era a primeira vez que se presentaba a un certame literario e a primeira vez que escribía algo consistente máis ala duns relatos cos amigos. A xornalista da CRTVG definiu a súa obra, “un relato de relatos que acaban case creando unha especie de diario emocional tendo como base unha hospitalización longa na que parece que o tempo se detivese. Esa pausa é a que permite á narradora facer un exercico de memoria e ao mesmo tempo un exercicio de proxección cara o futuro, é aí, é onde van xurdindo esas reflexións”. Rematou sinalando que “é unha obra onde se vai fiando realidade con ficción relatada cunha prosa poética moi directa”.
Pérez Barral para finalizar o acto parabenizou a Irene Lourido e puxo en valor este certame literario “que cumpre 20 anos e que está totalmente consolidado”, tamén salientou “que é un orgullo para o Concello acoller nesta presentación a unha persoa que recoñecemos de vela como xornalista na crtvg pero que agora se estrea como escritora en Ribeira”.
O rexedor tivo unha palabras de agradecemento para o xurado que tivo que ler máis de 20 novelas, "sabemos que un labor difícil e moitas veces pouco visible”. O alcalde sinalou que “estamos vendo que hai un forte sistema literario galego de xente que está concienciada en escribir na nosa lingua e por tanto este premio no só ven a respaldar senón a pór en valor a lingua galega e permite ser un foco de xeración de nova literatura no noso país”.
Para finalizar agradeceu aos representantes da editorial Xerais “por colaborar na publicación do libro que estamos desexosos de presentar no vindeiro ano”. Dende o Concello agradeceron tamén a cantidade e diversidade de obras presentadas, un total de 20, con estilos ben diferentes e agradece a participación a todos os autores e autoras.