Buscador

Ribeira celebrou a 7ª Travesía a Nado Illa de Rúa
Whatsapp: Ribeira celebrou a 7ª Travesía a Nado Illa de Rúa

Ribeira, 22 de xuño de 2025, — Ribeira desenvolveu hoxe a 7ª edición da Travesía a Nado Illa de Rúa, un evento deportivo e social que se consolida como unha das citas destacadas do calendario estival no municipio. A travesía reuniu a decenas de nadadores e nadadoras que afrontaron o reto de cruzar as augas entre a illa e o porto de Ribeira, cun fin solidario para axudar á entidade organizadora: a Asociación Española contra o Cancro (AECC).

 

O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, o concelleiro de Sanidade, Juan Furones e a presidenta da Asociación Española contra o Cancro, María José Carreira foron os encargados do acto de clausura. O alcalde destacou a importancia desta iniciativa “como símbolo do espírito de superación e comunidade que caracteriza a Ribeira”, e agradeceu o labor do equipo organizador, do voluntariado e das familias participantes.

“Ver as nadadoras e nadadores chegar á meta, esgotados pero sorrintes, é unha imaxe que nos enche de orgullo a todas e todos os ribeirenses” sinalou Barral. 

Este ano, a travesía contou cun momento especialmente emotivo: unha homenaxe a Gloria Lijó, nadadora que iniciou a súa andaina no mundo da natación aos 50 anos e que se converteu nun referente para moitas persoas, tanto polo seu compromiso coa actividade física como pola súa actitude positiva e inspiradora.

“Ela demostrou que nunca é tarde para iniciar calquera proxecto se temos constancia e nos esforzamos”, afirmou o rexedor, subliñando que Gloria “perseguiu un soño e logrou cumprilo superándose”.

A homenaxe foi recibida con emoción polos asistentes, nun acto que puxo o broche de ouro a unha xornada marcada pola participación e o espírito deportivo.

Dende o Concello de Ribeira reafirman así o seu compromiso co fomento do deporte e coa loita contra o cancro.


Resultados: 

1º posición DEL RÍO Marcos NATACION ARTEIXO MAS 0:55:20

2º posición RUBIO, Ivan NATACIÓN ARTEIXO MAS 0:55:20

3 º posición PATIÑO RÍOS, Jesús CLUB NATACIÓN RIBEIRA  0:55:56

Gañadora en categoría feminino: MUÑIZ RAMA, Maria CLUB NATACIÓN RIBEIRA FEM (1) 1:04:07

Documentos