Ribeira, 1 de xullo de 2025. — A concelleira de Cultura, Antía Alberte xunto co responsable do Museo Municipal, Miguel Vidal; informaron das actividades que se poden facer no céntrico museo para animar tanto a veciños e veciñas coma a visitantes para somerxese tanto na historia de Ribeira coa visita teatralizada do Santa Isabel coma na historia do traxe galego.
A concelleira informou que ambas actividades están xa en movemento, e facemos esta rolda “para facer fincapé que durante o verán tamén estarán aí para quen teña interese nelas”. Antía sinalou que se priorizarán as mañás debido a estas épocas estivais, as actividades son de balde e se farán con reserva previa; presencialmente no museo, por teléfono 981 87 35 95 ou enviando un correo museo@ribeira.gal.
Visita teatralizada á exposición do Santa Isabel e as Heroínas de Sálvora
Dunha maneira sinxela, orixinal e dinámica, farase unha viaxe no tempo para contar a historia do afundimento do barco Santa Isabel nas costas de Sálvora. A narración será realizada en primeira persoa da voz dunha artista que se caracterizará dunha das heroínas de Sálvora (Cipriana) facendo público, dunha maneira amena e entretida, esta historia tan nosa. As datas que se poden escoller son o 3, 17 e 30 Xullo; o 3 e o 28 de agosto e o 10 de setembro. As visitas realizaranse de 12:00 a 13:00 horas
Obradoiro do traxe tradicional: “Cóntoche un traxe”
Dunha maneira sinxela, orixinal e dinámica, da man da experta Montse Rivera, farase unha viaxe no tempo para ver como era o vestiario dos nosos antepasados. A narración irá acompañada de cantigas referidas ás pezas de roupa que os vestían, poemas de grandes da literatura galega nos que se alude a pezas do vestiario decimonónico. Por outra banda, manipularemos estas pezas de roupa e varios asistentes acabarán a charla vestidos como os seus tatara-tatara-avós. As datas libres para reservar serán o 10 de xullo e o 19 de agosto ás 12: horas.