Ribeira, 7 de xullo de 2025. – A concelleira de Emprego, Genoveva Betanzos, desprazouse esta mañá á praia da Catía, en Aguiño, para supervisar os traballos de mantemento que está a realizar o Obradoiro de emprego Tahume X.
A edil saudou en persoa aos integrantes do obradoiro de carpintería e destacou “o esforzo e o bo facer que están desenvolvendo nesta praia para que veciñanza e visitantes poidan desfrutar dun paseo renovado e accesible”.
Entre os traballos que se están a acometer figuran a restauración da pasarela de madeira, coa substitución de pezas en mal estado, arranxo das pontes e a mellora das pasarelas de acceso para garantir a accesibilidade universal. Ademais, instaláronse seis novos bancos fabricados polos propios alumnos e alumnas do obradoiro.
O Obradoiro Tahume X, no que participan 20 persoas, permite que estas se formen en especialidades de carpintería e actividades forestais, ao tempo que se contribúe a manter e poñer en valor as infraestruturas do concello.
“É fundamental apostar pola formación ligada á mellora do noso patrimonio natural e infraestruturas porque sabemos que hai moito que atender. Grazas ao traballo destes alumnos e alumnas, espazos como o paseo de Castro-Catía melloran para uso e desfrute de todos e todas”, sinalou a concelleira.
Con actuacións coma esta o Concello de Ribeira pretende mellorar o mantemento que tamén fan dende a brigada de obras ou a Unidade de Condutas Aditivas, ao tempo que se fan formacións para a empregabilidade.