Buscador

O Concello de Ribeira reforzará a seguridade este verán con oito novos axentes de Policía Local
Whatsapp: O Concello de Ribeira reforzará a seguridade este verán con oito novos axentes de Policía Local

Ribeira, 7 de xullo de 2025.– O Concello de Ribeira xa conta cos axentes que reforzarán o seu corpo de Policía Local cun total de oito novos axentes que se incorporarán durante a tempada estival e permanecerán ata o mes de decembro.

Grazas a estas incorporacións poderase garantir unha maior seguridade cidadá, especialmente durante os meses de verán, nos que a poboación se incrementa de xeito significativo debido á chegada de visitantes e nos que hai moitas celebracións.

Ademais, dende o Consistorio informan que nos últimos dous anos o número de axentes fixos da Policía Local de Ribeira incrementouse en tres, consolidando así un cadro de profesionais máis amplo para atender as incidencias.

O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, subliñou que “sabemos que temos que seguir nesta liña de aumentar axentes pero estamos facéndoo de maneira progresiva e na medida que temos recursos dispoñibles”. 
Segundo o rexedor, este reforzo pretende ofrecer unha resposta máis rápida e eficaz ante calquera situación que poida xurdir, mellorar o control do tráfico e reforzar a vixilancia nos puntos máis sensibles do municipio. “É unha mostra clara do noso compromiso coa seguridade, tanto para a veciñanza como para todas as persoas que nos visitan durante o verán”.

O obxectivo principal desta iniciativa é mellorar a resposta ante posibles emerxencias, garantir unha maior seguridade e contribuír ao bo desenvolvemento das actividades culturais, deportivas e de lecer que teñen lugar no municipio durante estes meses.

Dende o Concello de Ribeira lembran que esta medida forma parte dunha estratexia máis ampla para mellorar a seguridade e o benestar de toda a cidadanía. Neste sentido destacan que nestes dous anos ademais do aumento de axentes tamén se logrou facer o desaloxo do edificio ocupa ou que se está en contacto coa veciñanza de diferentes barrios para consensuar as medidas a implantar coas que mellorar a seguridade.