Buscador

Ribeira celebrará un Pleno Extraordinario para aprobar investimentos por 520.000€ nas parroquias e festivos de 2026
Whatsapp: Ribeira celebrará un Pleno Extraordinario para aprobar investimentos por 520.000€ nas parroquias e festivos de 2026

O Concello de Ribeira informa que o vindeiro xoves 14 de agosto terá lugar un Pleno Extraordinario no que se tratarán asuntos de especial relevancia para o municipio. Na sesión abordarase, en primeiro lugar, a realización de sete investimentos destinados a mellorar os servizos públicos nas diferentes parroquias, actuacións centradas en obras de saneamento, dotación de auga potable e pavimentación de estradas.

Segundo explicou o alcalde, Luís Pérez Barral, “estas actuacións inclúen seis novas pavimentacións, catro melloras na rede de saneamento e dúas ampliacións do abastecemento de auga potable, coas que seguimos reforzando o investimento en servizos básicos nas parroquias para avanzar na mellora da calidade de vida da veciñanza”. O rexedor sinalou ademais que o conxunto destas intervencións suporá un investimento total de 520.000 euros a maiores do que xa se tiña previsto investir este ano, o que evidencia o compromiso do goberno local coa mellora continua do rural.

Festivos locais
Outro dos asuntos que se tratarán na sesión plenaria será a aprobación dos festivos locais para o ano 2026. A proposta da Alcaldía é fixar como días festivos o 24 de xullo, coincidindo coa celebración da Festa da Dorna, e o 17 de febreiro, correspondente ao Martes de Entroido. Esta proposta responde á demanda maioritaria da veciñanza, así como dos sectores da hostalaría e do comercio, que levan anos reivindicando que ambas datas festivas teñen un forte arraigamento social e cultural. A Festa da Dorna, declarada de interese turístico, representa unha das celebracións máis singulares e participativas de Ribeira, mentres que o Martes de Entroido destaca pola súa tradición e capacidade para dinamizar a vida social e económica durante o inverno.

O Pleno Extraordinario desenvolverase no Salón de Sesións da Casa do Concello en horario de tarde. Ademais deste pleno extraordinario, aproveitarase a data para a celebración do pleno solicitado por dous grupos para tratar a Modificación número 2 das bases de execución do Orzamento.