Buscador

Viamare Stock celebra a súa vixésima edición
Whatsapp: Viamare Stock celebra a súa vixésima edición

Ribeira, 8 de agosto de 2025. – Hoxe inaugurouse a vixésima edición da Feira de Oportunidades Viamare Stock que se levará a cabo durante os días 8, 9 e 10 de agosto. No acto de inauguración oficial estiveron presentes o rexedor, Luís Pérez, o tenente de alcalde, Vicente Mariño o presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira (AER), Francisco Martínez Gude, a presidenta de AGADEA (Asociación Galega de Familiares de Enfermos de Alzheimer), María Isabel Gey xunto a edís da Corporación ribeirense e membros da Asociación de Empresarios e Empresarias.

Francisco Martínez sentiuse orgulloso de chegar a esta vixésima edición salientando todo “o traballo realizado ata do agora”, sinalou tamén que esta feira “non só repercute no comercio local se non que tamén por extensión na hostalería da cidade”. Martínez rematou dándolle as grazas a Asociación Agadea por colaborar na decoración da feira así como a colaboración do Concello co que vai seguir traballando “cóvado con cóvado”.


O alcalde, Luís Pérez Barral, mostrou a súa felicidade pola colaboración que mantén o Concello co tecido comercial e coa Asociación porque celebrar 20 edicións con máis de 21 establecementos comerciais do noso Concello é un éxito e ademais bríndaselle ao visitante e á veciñanza a posibilidade de comprar produtos de calidade a prezos de saldo”.


O alcalde informou dunha fin de semana “ateigada de eventos culturais e festivos que van a dinamizar o Concello de Ribeira; como son as festas de Palmeira, Corrubedo, da Ameixida ou a celebración do Campionato de Windsurf na praia do Castro e a Festa da Navalla de Aguiño”, o rexedor engadiu que “mañá sábado, Ribeira será o epicentro comercial da comarca onde coincidirán o mercado ambulante dos sábados, o propio Viamare e o mercadiño Xiradiscos na Porta do Sol onde o domingo tamén terá lugar a Feira de Antigüidades”.


Para finalizar o rexedor fixo unha alegación ao comercio local, “cada vez que compramos nun comercio da nosa localidade estamos levando para casa produtos de gran calidade pero sobre todo estamos recibindo un trato humano no que che atenden con nome e apelidos e que saben precisamente o que un necesita”.