Ribeira, 25 de agosto de 2024. — Hoxe presentouse esta terceira edición da andaina solidaria no Salón de Actos da Cofradía de Pescadores de Carreira-Aguiño á que asistiron; o concelleiro de Deportes, Xabier Vidal, a presidenta da Asociación Española contra o Cancro de Ribeira, María José Carreira, o Patrón Maior da Cofradía de Pescadores de Carreira-Aguiño, José Antonio Santamaría, a presidenta da Asociación Francisco Lorenzo Mariño, Elvira Pisos xunto á representante da directiva, S.D. Xuventú de Aguiño, Rosa Vidal.
O concelleiro informou que esta terceira andaina solidaria vaise a celebrar o vindeiro domingo día 7 de setembro no Porto de Aguiño a partir das 19:30 horas, o traxecto será similar ás das anteriores edicións, polo paseo de Couso Penisqueira e Muralla. Vidal falou do importante de estas iniciativas, “para fomentar o deporte, evitar o sedentarismo e facer comunidade. E o principal, facemos un chamamento para que a xente acuda o 7 de setembro porque todo o que se recade será destinado para a investigación desta enfermidade”.
O concelleiro de Deportes rematou agradecendo a labor continua da Asociación contra o Cancro de Ribeira e fixo referencia ao pobo de Aguiño, “que demostrará unha vez máis esa forza solidaria que o caracteriza”.
Pola súa banda María José Carreira agradeceu ao concelleiro por colaborar sempre con todas as accións que vén desenrolando a asociación e continuou salientando “que esta non é unha andaina da Asociación Española contra o Cancro; esta é unha andaina do pobo de Aguiño, unha andaina do club de fútbol Xuventú de Aguiño, da Asociación Francisco Lorenzo, da Cofradía de Pescadores de Carreira-Aguiño e como non, de todo o pobo e todas esas persoas –máis de 400– que veñen participando nas anteriores edicións”.
Carreira valorou a importancia de xuntar sinerxías entre entidades, sinalou que haberá sorpresas e quixo desvelar a primeira na propia convocatoria que foi a persoa homenaxeada deste ano, “imos a homenaxear a unha persoa moi especial, unha persoa de Aguiño que loita por Aguiño continuamente e que soubo levar con moita discreción, con moita forza, optimismo e vitalidade compaxinar a súa doenza co seu traballo; esta persoa é José Antonio Santamaría o Patrón Maior do Pósito de Aguiño”.
O Patrón Maior sentado á esquerda de Carreira non disimulou a súa sorpresa e emoción pola nova e tomou a palabra a continuación dando as grazas á propia asociación pola homenaxe e pola labor que fan “xa que hai xente que tira para diante coa enfermidade pero hai outras que precisan a axuda de asociacións coma a que representades; o máis importante o darse conta de que non estamos sós, de ter ao lado a alguén que bota unha man que tire para diante ou que fai cousas coma estas que unen ao pobo”.
A presidenta da Asociación Lorenzo Mariño valorou a colaboración continua dende a primeira edición da andaina solidaria, e tamén quixo por en valor “que esta andaina se faga entre diversos colectivos de Aguiño que nos xuntamos todos e todas para que sexa unha das andainas máis multitudinarias que hai dentro do Concello”. Tamén tivo palabras para o homenaxeado “porque José Antonio visualizou dende o comezo que o Pósito é algo máis que adicarse ás labores da pesca; que forma parte do pobo, e que os pósitos naceron tamén para vertebrar e mellorar á sociedade, foron quen de traer as escolas e médicos e Xosé Antonio traballa nese mesmo senso loitando pola mellora do pobo de Aguiño”.
Para rematar María José Carreira doulle tamén as grazas ás grandes e pequenas empresas que apoian esta actividade. Informou dos prezos que serán de 5 euros pola andaina máis 5 euros pola camiseta que será opcional.
Inscricións previas: 630 25 24 26 - 630 92 14 46, na Sede local e na propia andaina