Buscador

San Roque estrea iluminación tras un investimento de 140.000€
Whatsapp: San Roque estrea iluminación tras un investimento de 140.000€

Ribeira, 26 de agosto de 2025 — No Parque Periurbano de San Roque, o alcalde, Luís Pérez, presentou en detalle a posta en marcha das novas luminarias, que permitirán aos veciños e veciñas desfrutar do espazo tamén durante a noite, ao tempo que supoñen un reforzo destacado da seguridade.

O obxectivo principal deste proxecto foi deseñar e implantar un sistema de iluminación que cumprira cos estándares de eficiencia enerxética e ofrecera unha iluminación adecuada para as actividades que se desenvolven no Parque Periurbano de San Roque. Este proxecto tiña como obxectivo mellorar a calidade da contorna, optimizando o consumo de enerxía e garantindo un ambiente visiblemente confortable e seguro para todas as persoas que acoden habitualmente a esta zona verde da cidade.

Luís Pérez informou da finalización dos traballos de instalación dos farois e postes de iluminación do Parque Periurbano de San Roque, unha actuación que se realizou nos últimos meses e que supuxo un investimento de máis de 140.000 euros “para dotar de iluminación pública a este Parque Periurbano que é o pulmón verde da nosa cidade”. Barral comunicou que esta actuación foi amplamente demandada pola veciñanza, “así nolo fixo saber moita xente cando fixemos os procesos de participación veciñal a través da web ou das reunións parroquiais”.

Segundo destacou o alcalde, esta actuación permitirá á veciñanza facer deporte ou levar ás mascotas unha vez cae o sol e así gozar do parque durante o inverno e incluso supón un reforzo da seguridade”, salientou.

Pérez Barral tamén fixo referencia a que non son as únicas actuacións que melloran a contorna xa que no Centro de Interpretación estanse facendo melloras de impermeabilización e dos contidos interiores. Outra das cuestións importantes que se fan é labores de mantemento e rozas grazas ao Obradoiro de Emprego “que fai un traballo magnífico para manter o parque en perfectas condicións”.

 

Impulso das renovables: novas luminarias en San Roque e máis paneis solares en setembro

Pérez Barral explicou que esta actuación de dotar de iluminación ao parque “non é unha cuestión illada senón que é unha aposta forte do goberno local pola mellora de eficiencia enerxética e pola enerxía renovable.
O rexedor lembrou que no ano 2024 fíxose un investimento superior aos 260.000 euros en instalacións de paneis solares para o Auditorio Municipal, o Complexo Deportivo da Fieteira e a sede da UCA.

Deste xeito, para seguir avanzando neste camiño, informou que en setembro  van dar comezo novas actuacións por un importe  de máis de 45.000 euros para dotar de novos paneis solares para o Oficina de Información e Turismo, Policía Local, Centro de Raqueta e o Conservatorio Municipal. “Este investimento suporá que Ribeira contribúe a reducir a emisión de gases contaminantes e tamén conseguirá aforros económicos na súa factura eléctrica que poderá destinar a melloras de mantemento ou de dotación de servizos básicos á poboación”.