Ribeira, 26 de agosto de 2025. — Hoxe presentouse esta xa clásica andaina do calendario estival de Galicia, á presentación compareceron o concelleiro de Deportes, Xabier Vidal, o vogal da Liga Galega de Andainas, Henrique Freixeiro, a presidenta da asociación Veciños de Carreira, Marivén Sampedro, o directivo da mesma, Moncho Sampedro xunto con varios veciños da propia asociación.
O concelleiro explicou que esta nova edición se celebrará o vindeiro sábado 6 de setembro, con saída no Complexo Deportivo da Fieiteira a partir das nove da mañá no que haberá que estar media hora antes, nos avituallamentos non se dará botella de plástico e será obrigatorio acudir con bidón ou cantimplora. Esta proba a organiza o Concello de Ribeira da man da asociación de Veciños de Carreira, na que o concelleiro quixo agradecerlle, “toda esa labor que nos presta, toda esa axuda para poder desenvolver; xa non só esta proba que sen eles sería practicamente imposible, senón todas as que se están desenvolvendo ao longo do ano dende a concellería de Deportes”. Tamén quixo agradecer de ante man a colaboración de Club Sachacamiños, Arousa Neo, Protección Civil e Policía Local.
O concelleiro informou que a andaina vai contar con dous bucles un de 30 e outro de 20 quilómetros aproximadamente:
Bucle A (30 km): - Complexo Polideportivo de A Fieiteira - Parque Periurbano de San Roque - Miradoiro da Pedra da Ra - Castro da Cidá - Sendeiro do Río Sanchanás - Dolmen de Axeitos - Monte Tahume - Lugares de Olveira e Bretal - Parque Natural das Dunas de Corrubedo - Muiños de Amendo - Carreira-Laxes - Complexo Polideportivo de A Fieiteira.
Bucle B (20 km): Complexo Polideportivo de A Fieiteira - Fondevila - Paseo Marítimo de Coroso - Gandarela - Congostra de Subagriño - Petroglifo da Pedra das Cabras - Monte de San Alberto - Parque de San Roque - Complexo Polideportivo de A Fieiteira.
Vidal rematou a súa intervención apuntando que ás oito da tarde terá lugar a festa final da andaina na Fieiteira onde se fará un pequeno sorteo de material así como unha festa con paella e bebidas para participantes e acompañantes.
Freixeiro agradeceu ao Concello de Ribeira “por tantos anos de apoio a esta actividade, se non está detrás un concello e os organizadores, estas actividades non se poderían realizar”. O vogal da liga Galega de Andainas puxo
de manifesto a preocupación pola vaga de incendios, “nós temos como referencia o monte e este ano por desgracia temos a Galicia queimada; todos os arredores onde realizamos actividades de montaña están calcinados e polo tanto estas actividades que aínda nos quedan en lugares que non foron afectados cobran maior protagonismo”. Freixeiro anunciou que este ano están sobre 16 actividades por todo o territorio galego das cales algunhas van desaparecer este ano por mor dos incendios, “pero agardamos que para o próximo ano volver a ter unha cantidade de probas importante contando tamén coas novas actividades nas que algunhas corresponderán ás zonas costeiras da provincia da Coruña”.
Moncho Sampedro falou do complicado da data “porque aínda e verán e a xente está noutras actividades de lecer pero tamén nos permite ter menos solapamento de outras andainas como pode ser na primavera”. Tamén sinalou o risco do calor máis o risco de incendios. Sampedro comentou que tódolos anos se cambia o traxecto dentro de un concello “relativamente pequeno coma o de Ribeira”.
Inscricións pechadas
Sampedro informou que as inscricións xa están pechadas con 300 persoas participantes, sinalou a cantidade non pode ser maior porque “temos un condicionante que é o paso polo Parque Natural que por causas obvias non se pode permite a paso de máis xente”.
Haberá varios controis de paso, polos que os participantes deberán pasar nuns tempos mínimos e máximos Estes controis de paso están calculados para realizar andando a unha velocidade mínima de 4,5 km/hora (11 horas máximo) e unha velocidade máxima de 7,15 km/hora (7 horas mínimos). Os controis de paso estarán situados nos puntos de avituallamento.