Ribeira, 29 de agosto de 2025. — Hoxe convocáronse aos medios para presentar esta nova e completa programación da mostra de teatro Ribeira 2025, na que estiveron presentes a concelleira de Cultura, Antía Alberte, o concelleira de Educación, Cruz Rivadulla máis o Dinamizador Cultural do concello, Unai González.
“Hoxe convocámosvos para presentar unha nova edición da Mostra de Teatro de Ribeira que, como sabedes, é unha das propostas estrela da concellería de Cultura que cada outono, e que nesta ocasión se desenvolverá do 25 de setembro ao 19 de decembro no novo auditorio municipal e contará cun total de 13 compañías participantes”, apuntou a concelleira.
Nesta edición 2025 e co obxectivo de que esta mostra vaia medrando cada vez máis, ás xa tradicionais representacións que teñen lugar os venres ás 21:15 h, sumámoslle sesións para público escolar en horario de mañá, residencias artísticas de compañías e tamén estreas, incluíndo non só espectáculos galegos, senón tamén de compañías de ámbito estatal. É o caso da coprodución de Ancoraxe e Vórtice Escénico co CDG titulada “Héroes en decembro” cuxa estrea será en Ribeira o 26 de setembro abrindo a mostra e que ademais estará realizando unha residencia artística nos días previos nas instalacións do auditorio ofrecendo ademais unha preestrea para público escolar na xornada previa, o xoves 25 de setembro en horario matinal.
A concelelira tamén destacou a estrea da obra do autor Alberte Bello titulada “Do reino (e) dos amores proscritos”, que ademais é unha das pezas gañadoras do terceiro fondo de proxectos culturais Reino de Galicia da Deputación da Coruña, e que se representará o xoves 16 de outubro tamén cunha residencia artística previa; Alberte tamén destacou o espectáculo de “Berenguela na Gaiola” de Galeatro e Xarope Tulú que foi a gañadora do certame de texto teatrais Manuel María da que o concello de Ribeira forma parte dende o seu comezo.
A concelleira salientou que os espectáculos seleccionados son dos mellores que existen neste momento na nosa comunidade, con obras de compañías profesionais de recoñecido prestixio como Teatro do Noroeste, Sarabela, Excéntricas, Berrobambán, e tamén doutras que veñen por primeira vez a Ribeira como Alóproducións, Código Azul, Amorodio ou Ancoraxe e Vórtice Escénico apostando deste xeito pola innovación nas artes escéncias e dando oportunidade a intérpretes, creadores, dramaturgos, etc formados na ESADG de Vigo. Ademais como xa dixemos, apostamos novamente por achegar ao noso público pezas de compañías de ámbito nacional como é o caso da obra “Conquistadores” que se vai representar o 10 de outubro, ou “Las Preciosas Ridículas” do 14 de novembro.
Tamén se tivo en conta nesta selección o xénero teatral para facer unha escolma do que se está a producir nestes momentos, dende obras máis reivindicativas, de temática social ata misterio, drama e variedade de comedias que van dende o absurdo, ao enredo pasando polo romántico e o vangardista.
Dende a concellería de cultura disporase das entradas para as funcións ao igual que en ano anteriores mediante venda de bonos para toda a mostra ou entradas individuais, a excepción do pase escolar do que xa falamos que será de acceso gratuíto para público xuvenil dos centros educativos do municipio.
Indicar que se mantén o mesmo prezo da edición pasada, polo que o BONO poderase adquirir por importe de 35 € (máis gastos de xestión- 3,50€ quedando en 38,50€) dando dereito a asistir ás trece funcións da mostra a excepción do pase escolar matinal. Tamén se poderán adquirir entradas individuais para cada espectáculo por un custo de 4,95 € (máis gastos de xestión de 0,50€ quedando en 5,45€).
As entradas poderán mercarse a partir do 5 de setembro de xeito presencial na Oficina de atención cidadá da Casa do Concello (antigo auditorio) de 09:30 a 14:00 h, ou de forma online por internet a través de Ataquilla.com. Naturalmente activarase Ataquilla a partir do mesmo día e mesma hora na que empece a venda presencial na OAC, que será o vindeiro 5 de setembro ás 09:30 h.
Como é habitual a asignación das butacas poderase escoller por parte do espectador/a, no momento da adquisición do bono ou entrada, sobre plano e mentres haxa dispoñibilidade tanto por internet como de xeito presencial pero tendo en conta que ao venderse polos dous medios a dispoñibilidade irá a menos a medida que as butacas se vaian ocupando. No caso de localidades específicas para persoas con mobilidade reducida, discapacidades ou neurodiverxencias que no auditorio están ubicadas na fila 9, gustaríanos incidir na importancia da colaboración cidadá no respecto por esta fila inclusiva polo que pregamos á veciñanza que só merque nesta zona se cumpre cos requisitos establecidos xa que a adquisición nesta modalidade sen cumprir coa condición necesaria impedirá o acceso ao recinto. Para iso a organización poderá requirir, no momento do acceso ás instalacións, a documentación acreditativa de ditas circunstancias mediante certificado de discapacidade.
A concelleira procedeu a citar o calendario da mostra con día, título do espectáculo e compañía:
“HEROES EN DECEMBRO”
Ancoraxe e Vórtice Escénico 25 de setembro – Pase para escolares (gratuíto) e 26 de setembro – Pase na mostra
“GUERRA”
Teatro do Noroeste o 3 de outubro
“CONQUISTADORES”
Proyecto Cultura Cía. o 10 de outubro
“DO REINO (E) DOS AMORES PROSCRITOS. UN REINO ESQUECIDO, UNHA HISTORIA POR CONTAR”
Alóproducións o16 de outubro
“TOLÓPTICA”
Código Azul o 17 de outubro
“A CINCENTA QUE NON QUERÍA COMER PERDICES”
Sarabela Teatro o 24 de outubro
“CORTELLO DE AMOR”
Amorodio Teatro o 31 de outubro
“LAS PRECIOSAS RIDÍCULAS”
Arroz con Costra o 14 de novembro
“MULLERES QUE VIVEN SOAS”
Berrobambán o 21 de novembro
“AS DESTERRADAS”
Producións teatrais Excéntricas o 28 de novembro
“O PROCESO”
Malasombra o 5 de decembro
“BERENGUELA NA GAIOLA”
Galeatro e Xarope Tulú o 12 de decembro
“NABIZA GIRL 2: O ESTRANO CASO
DA CULTURA MINGUANTE”
Culturactiva o 19 de decembro
A concelleira animou a dar difusión “a esta programación co fin de que a cidadanía quede informada con antelación xa que a venda dos bonos comezará o vindeiro 5 de setembro, tal e como antes sinalei e sabemos que nas primeiras xornadas xa se venden boa parte das localidades dispoñibles".