Ribeira, 2 setembro de 2025. — No día de hoxe tivo lugar a presentación das Festas de Santa Uxía 2025 na que estiveron presentes o concelleiro de Festexos, Francisco Suárez-Puerta, o párroco de Ribeira, Alfonso Mera xunto aos membros da Unidade Pastoral de Ribeira, Ndongo Sylvestre e Sidonio José Alves da Sousa.
O concelleiro de Festexos debullou polo miúdo a programación da que comezou presentando a estrea dun novo produto turístico ou actividade que leva por nome Camiño de Valverde, (LARP) que se celebrará o día 12 ás 11:00 horas, no Parque Natural das Dunas de Corrubedo, de 11 a 14 horas. O LARP, ou –xogo de rol en vivo–, é unha modalidade de xogo onde os participantes interpretan aos seus personaxes de forma física e escenificada, interactuando nunha contorna real ou simulada para crear unha narración colaborativa, Suárez-Puerta especificou que empregando a lenda da cidade oculta de Valverde, “cuns 30 participantes, farase unha recreación medieval na que os participantes poderán interactuar nun xogo que terá moita aventura e fará que a xuventude de Ribeira poda ter unha mañá diferente”.
O concelleiro anunciou que aínda quedan prazas libres para gozar da actividade con reserva previa na oficina de turismo.
O mesmo venres día 12 ás 23:00 horas teremos a actuación de Corazón Oxidado: Tributo a Fito y Fitipaldis na praza do Concello.
Xa na xornada do sábado día 13 teremos a V Ruada do Traxe Aires de Dorna que sairá da carpa municipal para facer o percorrido polas rúas de Ribeira e rematar no auditorio municipal co Desfile do Traxe.
O Concelleiro significou que esta actividade xa se está consolidando dentro dos actos de celebración de Santa Uxía e animou á veciñanza a participar na propia ruada, “xa que aínda que non se teña o traxe, os interesados poden poñerse en contacto coa asociación Amas de Casa para que llo proporcionen”.
Na mesma xornada do sábado terá lugar o concerto de Kiko Veneno ás 11:00 horas na praza do Concello, “artista recoñecidísimo, autor de cancións como “Volando voy” que fixo famosa Camarón de la Isla así como a colaboración en diferentes proxectos musicais con millóns de reproducións nas plataformas de streaming” apuntou Colomer.
Suárez-Puerta rematou apelando á potenciación do día da patroa, “é unha festividade que temos que manter, enxalzar e levala cada vez a máis”.
Pola súa banda, Alfonso Mera afirmou “precisamos darlle á festa ese valor integrador e simbólico que é o que significa”. Tamén explicou que esta cita esta marcada en vermello no calendario para a Unidade Pastoral, “non só é a patroa da nosa parroquia senón que tamén é o corazón espiritual que vertebra a tódalas outras parroquias por iso a súa festividade determina un momento de encontro, de estar xuntos, de compartir a fe e tamén da connotación tradicional que evoca”.
A Misa Solemne na honra de Santa Uxía terá lugar o propio venres 12 ás 12:00 horas na igrexa parroquial de Ribeira.