Ribeira, 25 de setembro de 2025 — O servizo de Normalización Lingüística do concello de Ribeira presentou no día de hoxe dúas accións de formación que comezarán a finais de setembro no Centro cultural Lustres Rivas.
Á presentación acudiu o rexedor local, Luís Pérez Barral xunto á responsable do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ribeira, Alicia Padín Otero.
Padín puxo en valor a continua formación que se está facendo dende o servizo de Normalización Lingüística e a continuación comezou presentando o curso de Iniciación á Lingua e á Cultura Galegas; este curso presencial e gratuíto de 20 horas, está dirixido ás persoas que se achegan por primeira vez ao galego e dará comezo o vindeiro luns 29 de setembro. Quen provén doutras comunidades lingüísticas poderá, con esta breve formación, obter as habilidades básicas de comunicación en lingua galega e as claves do acervo cultural de Galicia.
“Se acabas de chegar a Galicia, se aínda falas pouco en galego... Inscríbete no Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira para participar desta nova formación” animou Padín.
A continuación Alicia presentou o xa tradicional curso de lingua galega dirixido ás persoas, maiores de 16 anos, que se vaian presentar ás probas CELGA da Xunta de Galicia. Este curso é gratuíto e en horario de tarde (martes e xoves de 19 a 21 h). A inscrición estará aberta aberta ata o día 30 de setembro, data na que dará comezo. Todas as persoas que teñan interese en asistir poderán inscribirse enviando un correo electrónico a normalizacion@ribeira.gal
Pérez Barral manifestou que con estes dous cursos dende o Concello de Ribeira, “seguimos promovendo a lingua galega para capacitar que a poboación o entenda e tamén poida animarse a falar en calquera momento ou circunstancia”. Barral salientou que hai persoas no concello que non coñecen a lingua galega, “e polo tanto temos que facilitar ferramentas para dar a coñecer o noso idioma e tamén animar á poboación que non o fala, a que se anime a falalo en calquer ámbito”. Rematou afirmando que “como administración pública temos un compromiso claro e ineludíbel por parte da lexislación vixente, que é promover o uso da lingua galega en tódolos ámbitos e actividades que facemos.”
Curso de iniciación á lingua e á cultura galegas
Data de comezo: 29/09/2025
Data de remate: 30/10/2025
Horario: De 10 a 12 h todos os luns e xoves
Lugar: Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira
Inscrición: Centro Cultural Lustres Rivas. R/Manuel Lustres Rivas, 20, 2º. Ribeira
Ao remate entregarase un diploma do curso (20 horas de formación)
Curso de lingua galega (preparatorio para as probas CELGA)
Data de comezo 30 de setembro de 2025
Horario: de 19 a 21 h todos os martes e xoves
Lugar: Centro Cultural Lustres Rivas
Inscrición aberta ata o 30 de setembro. Para inscribirse é preciso enviar un correo co nome, apelidos e teléfono a normalizacion@ribeira.gal