Ribeira, 16 de outubro de 2025.- O Concello de Ribeira acomete nestes días unha mellora das prestacións á cidadanía na parroquia de Carreira. Trátase da renovación do firme do camiño que une os lugares de Vixán e O Vilar, a cal se enmarca no POS+2024 da Deputación da Coruña.
Os traballos desenvólvense ao longo de 5.300 metros cadrados e consisten no fresado do material existente na calzada para, posteriormente, aplicar aglomerado asfáltico de 6 cm de espesor, ao mesmo tempo que se amplía o ancho do treito naqueles lugares onde hai marxe. Ademais, as tapas de rexistro adaptaranse á nova rasante, arranxaranse as gabias e acondicionaranse as entradas a fincas.
A dita intervención comezou a finais do mes de agosto, polo que o camiño principal xa está ultimado, quedando só pendentes os ramales do mesmo no núcleo do Vilar. Está previsto que as tarefas conclúan nas vindeiras semanas.
A actuación foi adxudicada á empresa Nemesio Ordóñez, S.A., por un importe de 90.291,14 euros, IVE incluído.