
As risas están aseguradas en Ribeira con Tremendo Show!; un espectáculo baixo o formato de comedia instantánea que chega ao municipio da man de A Cantaruxa, coa colaboración da Concellería de Cultura. Ambas partes organizadoras estiveron representadas pola edil Ana Barreiro e David Sampedro, xerente da referida promotora local.
A ribeirense Susana Sampedro, Antón Coucheiro, Sheyla Fariña, Alfonso Medina e Arturo Cobas serán os encargados de encher de humor o novo Auditorio municipal no 29 de novembro, ás 21.00 horas. As portas para o acceso abriranse media hora antes.
Os veteranos TheMomento e as novas fenómenas As Teimas reuniranse nun mesmo escenario para compartir historias que parten das suxestións do público e o elenco improvisará escenas no momento. "Teremos en Ribeira un espectáculo de primeiro nivel con rostros moi coñecidos do panorama cultural galego, onde non faltaráa marca ribeirense da man da talentosa Susana Sampedro. Comedia e improvisación van da man neste show co que apostamos por dinamizar a vida cultural do noso municipio neste outono xunto co resto de propostas xa argalladas", en palabras da concelleira de Cultura.
Doutra banda, David Sampedro, indicou que o espectáculo xa tivo varias funcións en Galicia, sendo a súa estrea na Sala Capitol, en Santiago de Compostela.
As entradas comezarán a venderse de forma anticipada no luns, 3 de novembro, ás 09.00 horas. Farase simultaneamente de maneira online en www.ataquilla.com como presencial na Oficina de Atención Cidadá da casa consistorial. Para aquelas persoas que opten por adquirilas nas dependencias municipais, o horario será de luns a venres, de 09.00 a 14.00 horas.O prezo sitúase nos 12 euros, máis gastos de xestión, para a venda anticipada, mentres que na taquilla do Auditorio o propio día da función, e dende unha hora antes do espectáculo, será de 18 euros, máis gastos de xestión.