
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, e o concelleiro de Mar, Fernando Abraldes, participaron no 7 de novembro na inauguración de Acotío; unha mostra na que a protagonista é o talento dos usuarios da Asociación Ámbar e que chega a unha das salas do Museo do Gravado de Artes.
Esta exposición está integrada por un total de 16 pezas entre gravados e matrices que reflicten aspectos do día a día que son importantes para os artistas. De aí o nome da mostra, na que se poden atopar gravados dunha o amor, unha casa, mobles de cociña, un tractor, un pantalón vaqueiro, pratos e cubertos ou un plátano.
A rexedora puxo énfase na importancia da cogobernanza e deste tipo de propostas que constatan que "as persoas non temos límites." De feito, a mandataria local comprometeuse a darlle continuidade a este taller por tódalas vivencias e valor engadido que aportou á comunidade de Ámbar.

Daniel Piñeiro, David González, Domingo Ruíz, Esperanza Silva, Javier García del Río, Juan Sampedro, María Eugenia Reiriz e Mónica Rial son as persoas usuarias de Ámbar que se converteron en artistas da man do taller impartido polo profesor de gravado a punta seca, Pepe Míguez, quen tivo palabras de agarimo para os seus alumnos: "podedes facer o que vos propoñades." Apuntou que, como proba disto, son as pezas resultado das clases "limpas, sinxelas, naturais."
Por parte da entidade falaron a súa presidenta, Milagros Rey, e o profesor Manu Mimé, que se referiron aos usuarios como uns "artistazos" e neste ano optaron por profesionalizarse na arte gráfica do gravado.
A este respecto tamén se pronunciou o director do Museo do Gravado de Artes, Pastor Rodríguez, quen os describiu como uns "alumnos aplicados" e adiantou que a mostra viaxará a outros lugares como Betanzos, que constitúe a próxima parada.
