
A axente da aula CeMIT de Ribeira, Rebeca Crujeiras, resultou galardoada nos II Premios Axentes TIC da Rede CeMIT 2025, que convoca a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
A Rebeca concedéronlle o primeiro premio na categoría Axente TIC que, ademais da distinción, supón unha contía económica de 2.000 euros. A traballadora municipal recolleu este galardón nunha gala celebrada no xoves 20 na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, na compaña do concelleiro de Innovación e Novas Tecnoloxías, Álex Vidal.
Este certame busca recoñecer o compromiso e o labor dos axentes TIC e responsables da aula, contribuíndo a unha Rede CeMIT máis eficiente e moderna que asegura que a cidadanía conte con capacidades dixitais para poder participar de forma máis efectiva no novo contexto dixital.
Rebeca manifesta que foi unha sorpresa esta distinción ao que concorreu presentando a súa candidatura coa cantidade de xente á que formou, horas de clases e número de cursos impartidos. Quere tamén trasladar o seu agradecemento a un dos seus compañeiros da aula CeMIT, así como ao actual edil de Innovación e Novas Tecnoloxías e ao seu predecesor.
Tamén o concelleiro Álex Vidal celebra este recoñecemento "a unha traballadora municipal que se implica ao cento por cento na dinamización da aula CeMIT e en achegar á cidadanía ribeirense cursos e novidades para a súa alfabetización dixital e mellorar as súas capacidades no mundo da informática."