Buscador

O Concello de Ribeira facilita a conciliación das familias durante o Nadal
Whatsapp: O Concello de Ribeira facilita a conciliación das familias durante o Nadal

O Concello de Ribeira favorece a compatibilización da vida persoal e laboral das familias durante o Nadal co Programa Ribeira Concilia. Esta prestación desenvolverase do 22 ao 31 de decembro e do 2 ao 7 de xaneiro, de luns a venres, agás festivos, en horario de 08.30 a 14.30 horas, no Conservatorio Municipal de Música ‘Enrique Paisal’.

O concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño, explica que o cambio de lugar con relación aos últimos anos "ven motivado por ser un espazo que cremos que reúne mellores condicións para o día a día dos cativos durante este período vacacional", se ben se seguirá empregando o pavillón do CEIP O Grupo para actividades deportivas. A finalidade deste programa é "achegarlle á rapazada opcións de ocio durante as vacacións con contido adaptado a esta época do ano, ademais de favorecer a conciliación das familias."

Ofértase un total de 75 prazas dirixidas a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.

O prezo da matrícula sitúase nos 40 euros, se ben, a Administración local aplicará bonificacións ás familias que reúnan os requisitos establecidos nas bases. A maiores, hai a posibilidade do servizo complementario de almorzo e xantar dos cales cómpre consultar as condicións.

Prazos e pago da matrícula

Ábrese un prazo de preinscrición do 24 de novembro ao 12 de decembro. As solicitudes poderán formalizarse de maneira presencial no Departamento de Servizos Sociais Comunitarios ou na Oficina de Atención Cidadá do Concello, con horario de atención ao público de 09.00 a 14.00 horas, presentando a ficha de inscrición cuberta, a folla de autorización, copia do DNI do participante e do pai/nai/titor e demais documentación exixida. Tamén hai opción de facer o proceso de maneira telemática na sede electrónica municipal, dentro do apartado de ‘Trámites destacados’ e ‘Solicitude xenérica’. Deberase tramitar a solicitude de carácter xeral e acompañala dos documentos anteriormente indicados.

As listaxes de admisión, agarda e vacantes publicaranse no 15 de decembro. Chegado o momento, as persoas que aparezan como admitidas deberán realizar o pagamento do importe correspondente, (con ou sen bonificación) mediante autoliquidación do 15 ao 19 de decembro. Unha vez realizado o pagamento, deberase entregar o xustificante no Departamento de Servizos Sociais Comunitarios antes do día 19 de decembro.

Requisitos para a bonificación

O Concello de Ribeira aplicará un desconto do 20% sobre o importe á rapazada de familias que reúnan os requisitos e así o acrediten previamente cos documentos pertinentes:

  • Familias que teñan o título de familia numerosa.
  • Familias monoparentais que o acrediten documentalmente co certificado oficial.
  • Familias refuxiadas.
  • Familias vítimas de violencia de xénero en calquera das súas formas.
  • Familias con dous ou máis inscritos/as nesta actividade: o desconto aplicaríase na matrícula do segundo fillo/a e sucesivos.
  • Familias nas que, ao menos, un dos seus membros sexa desempregado/a de longa duración (que teñan acreditado un período de inscrición ininterrompido como desempregados/as na oficina de emprego de 180 días se fosen menores de 25 anos ou de 45 ou máis anos de idade, e de 365 días se fosen maiores de 25 e menores de 45 anos de idade, debendo presentar  vida laboral e/ou certificado de períodos de inscrición na Oficina de Emprego).
  • Familias nas que o propio participante acredite unha discapacidade de polo menos o 33% (acreditando tal condición co certificado de discapacidade).
  • Familias nas que existan outras cargas relacionadas cos coidados.

Tamén se reserva o 10% das prazas, cunha bonificación da totalidade das taxas, para emerxencia social.

Documentos