
O Concello de Ribeira arranca o ano a nivel deportivo con tres citas co xadrez na Casa da Xuventude. Dunha banda terá lugar o Torneo de Xadrez de Nadal no sábado, 3 de xaneiro, de 11.00 a 14.00 horas, seguindo o sistema suízo a seis roldas. Haberá trofeos para os tres primeiros/as clasificados/as, tres primeiros/as clasificados/as locais, e para o ouro nas categorías sub-12, sub-10 e sub-8. As inscricións formalizaranse no enderezo electrónico xadrezbretema@gmail.com.
Ademais, disputaranse os Campionatos Provinciais da Coruña. O domingo, 4 de xaneiro, estará dedicado ás modalidades sub-8 e sub-12, mentres que no domingo, 11 de xaneiro, será a quenda da sub-14 e sub-16. Desenvolveranse en horario de mañá e de tarde. Ambas xornadas seguirán o sistema suízo, se ben a primeira será en seis roldas e a segunda en cinco. As bases están dispoñibles en www.fegaxa.org.
Para o concelleiro de Deportes, Álex Vidal, estes novos eventos "son unha proba do apoio que brinda a Administración local ribeirense ás diferentes disciplinas deportivas. En dúas semanas teremos no noso municipio un torneo con motivo da época do Nadal e uns campionatos provinciais. Preséntase un inicio de ano protagonizado polo xadrez e, dende o Concello, ratificamos o noso compromiso de seguir fomentando unha disciplina profundamente vencellada á aplicación de tácticas e á capacidade estratéxica."
E nestes tres eventos "tamén é protagonista a rapazada ao ser a principal destinataria, pois estamos falando de categorías menores. Ademais, terán lugar na Casa da Xuventude, para tamén continuar dinamizando este espazo e convertelo en punto de encontro para a xente moza do noso municipio con diferentes actividades, se ben tamén convidamos a que nos fagan as súas aportacións con alternativas de ocio que sexan do seu interese", en palabras da edil de Xuventude, Carmen Pérez.