Buscador

O Museo do Gravado de Artes inicia a celebración dos seus 25 anos coa exposición 'Relatos do habitado'
Whatsapp: O Museo do Gravado de Artes inicia a celebración dos seus 25 anos coa exposición 'Relatos do habitado'

A exposición Relatos do habitado, da artista Rosa García, convértese na primeira que amosa ao público o Museo do Gravado de Artes neste 2026; un ano especial para a institución museística que cumpre un cuarto de século.

Un total de 37 obras divididas en tres series integran dita mostra que convida a reflexionar sobre o espazo convertido en lugar de refuxio e de memoria.

Durante o acto de apertura, a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, manifestou que as pezas "lévannos a pensas neses espazos que construímos e que nos constrúen como seres humanos, que nos fan sentir: seguridade, inestabilidade, pertenza... Penso que isto se pode exemplificar se rememoramos a nosa infancia; etapa que tamén nos define como persoas. Á nosa memoria virán imaxes de lugares que eran calma, alegría ou aventura, así como outros que non ocupan os nosos mellores recordos."

A serie Impares aborda as formas de habitar un espazo dende as diásporas sociais, é dicir, facer un refuxio da nada. Doutra banda, Domus Domina analiza a relación entre a muller e a casa, establecendo un diálogo entre o corpo e o espazo. E, Bosques e Mareas, céntrase na memoria, no tempo, na inestabilidade e no espazo convertido en paisaxe que constrúe un territorio e a memoria vai modelando no seu movemento.