Buscador

María Sampedro felicita a Dolores Rivera Soto polos seus 105 anos
Whatsapp: María Sampedro felicita a Dolores Rivera Soto polos seus 105 anos

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, e o primeiro tenente de alcalde, Vicente Mariño, felicitaron xa neste 2026 a unha das súas veciñas centenarias que, ademais, ostenta o título de ser a máis lonxeva do municipio: Dolores Rivera Soto, quen cumpre 105 anos. Nacida en Barbantes, en Ourense, no 9 de xaneiro de 1921, trasladouse a vivir a Ribeira unha vez casou con Ernesto Valeiras, cuxa familia era propietaria dunha fábrica de conservas situada no Touro.

Os representantes municipais achegáronse ata a súa casa para compartir unha conversa con ela e facerlle entrega dun arranxo floral como agasallo institucional.

Nai de tres fillos, avoa de sete netos e bisavoa de dez bisnetos, unha das súas afeccións é desfrutar da súa familia, con quen aproveita para saír a pasear durante o verán polo Touro; un lugar polo que sinte predilección dende a súa chegada a Ribeira, non só por ser o espazo onde se asentaba o negocio familiar, senón tamén por ser a praia elixida para pasar a época estival.

Outro dos intereses desta veciña centenaria é a música. De feito, ten a carreira de piano.

E, ata que a saúde llo permitiu, sempre levou un estilo de vida moi activo, con moito coidado na alimentación, saír a camiñar e ir á praia. Quizais, o seu segredo para a lonxevidade.