Buscador

III MOSTRA DE MULLERES CREADORAS DE RIBEIRA 2026.
Whatsapp: III MOSTRA DE MULLERES CREADORAS DE RIBEIRA 2026.

A Concellería de Cultura de Ribeira abriu o prazo de inscrición para a posta en marcha da iniciativa III Mostra de Mulleres Creadoras de Ribeira, na que poderá participar calquera muller creadora que teña inquedanza por expoñer as súas obras artísticas de pintura, debuxo gravado, fotografía, artesanía escultura ou outras disciplinas.

Cada unha das persoas participantes poderá presentar unha única obra cun tamaño para as pezas que non supere os 1,20x1,20 metros co fin de que poida garantirse unha boa distribución do espazo na sala habilitada na que se contempla unha estimación de 30 participantes na mostra -e que poderían chegar a un máximo de 35-.

Os criterios que serán tidos en conta para a selección das obras participantes no caso de rexistrar máis solicitudes que prazas dispoñibles teñen que ver coa prioridade para as mulleres empadroadas no municipio e coa participación na mostra do ano anterior, polo que terán prioridade quen non o fixeran no 2025.

As interesadas teñen que enviar un correo electrónico do 4 ao 15 de febreiro (ambos incluídos) ao enderezo electrónico culturaefestexos@ribeira.gal  cos seus datos de contacto e achegando a seguinte documentación obrigatoria nas bases -fotografía da peza, documento cos datos técnicos, documento cun poema/texto/reflexión persoal que faga alusión á obra presentada e pequena biografía da autora-.

A celebración da mostra completarase coa edición dun catálogo que contará coa publicación de todas as obras participantes.

Documentos