
O Concello de Ribeira continua coa mellora dos servizos básicos ao longo de todo o territorio municipal, dando así resposta a incidentes reiterados en algunhas rúas e causando molestias no día a día da veciñanza.
Neste caso, dúas rúas da parroquia de Aguiño foron obxecto de mellora en materia de saneamento e abastecemento, ambas acometidas con fondos propios da entidade municipal “xa que as inversións nesta materia son continuas, tratando de mellorar as redes máis alá do que adicamos no POS ou noutras subvencións solicitadas”, tal e como apuntou a alcaldesa.
A primeira das actuacións que se están a executar correspóndese coa renovación de 95 metros de tubaxe para o óptimo funcionamento da rede de abastecemento de auga potable na rúa Manuel Murguía. Con esta inversión de 13.600 euros, o Concello de Ribeira pretende paliar as constantes roturas que se viñan producindo nos últimos anos.
Por outro lado, o ente municipal está levando a cabo a ampliación da rede de saneamento na rúa Rabuda, na que se están a investir preto de 7.000 euros, e que arranxará unha problemática que causaba asolagamento na contorna veciñal.
Así mesmo, compre lembrar que na proposta presentada polo executivo local para a súa inclusión no Plan de Obras e Servizos incluíase a renovación dos servizos e a pavimentación da rúa Serriño, na mesma parroquia. Unha actuación que se valora en 114.163,95 euros.