
A alcaldesa recolleu as demandas e as suxestións que realizaron desde o sindicato policial e comprometeuse a trasladalas á Xunta de Seguridade Local
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, mantivo esta mañá unha xuntanza co secretario provincial do SUP, Abel Lobato, e o representante na comisaria do municipio, Eusebio Gómez, para coñecer a situación actual do cadro persoal que ten que ver co colectivo na localidade.
“Agradezo a explicación e o interese co que os representantes do SUP me trasladaron toda a información coa que buscamos facer unha composición da situación actual do CNP en Ribeira e poder elevar solicitudes que conten con datos obxectivos e demandas dos propio axentes”, apuntou Sampedro.
Esta xuntanza enmárcase nun momento de comunicación cos distintos axentes implicados na materia de seguridade cidadá tras a vaga de incidentes que se están sucedendo no municipio nas últimas semanas. A alcaldesa seguirá mantendo encontros ao longo dos vindeiros días co fin de implementar medidas que consigan atallar unha situación que preocupa á veciñanza.
Desde o SUP, os representantes trasladaron á alcaldesa a necesidade de ampliar o catálogo co fin de poder duplicar os efectivos na rúa, con respecto aos que existen actualmente. “Temos que pelexar por chegar a un catálogo, alo menos, similar ao de Vilagarcía que conta con 84
prazas e é un municipio cunhas características semellantes ao noso”, afirmou a alcaldesa.
O encontro tamén serviu para abordar temas que non afectan directamente á seguridade cidadá pero que si axudarían moito a mellorar a calidade do servizo de xeito indirecto como a implantación dun grupo específico para o menudeo de droga ou un grupo adicado a estranxeiría.