
O Concello de Ribeira anunciou hoxe a adxudicación de catro proxectos que permitirán a mellora viaria e o saneamento en varios puntos das parroquias de Santa Uxía, Palmeira, Corrubedo e Oleiros.
O montante das actuacións ascende a 302.728,56 euros, procedentes do Plan de Obras e Servizos (POS+2025) e permitirán poñer en marcha iniciativas moi demandas pola veciñanza.
En concreto, un dos proxectos servirá para levar a cabo a pavimentación da rúa Miguel Rodríguez Bautista –cun investimento de 62.553,84 euros- na parroquia de Santa Uxía de Ribeira. O prazo previsto para a realización dos traballo e dun mes.
En Palmeira, o Concello ten aprobado tamén á pavimentación e renovación da rede de abastecemento na rúa Agriña, cun investimento de 96.977,31 euros e un prazo de execución de dous meses.
Pola súa banda, en Corrubedo está prevista a pavimentación da rúa Buenos Aires, no treito comprendido entre a rúa do Canaval e a Travesía Buenos Aires. Cun prazo estimado de dos meses para a súa execución, este proxecto conta cun orzamento de 72.454,41 euros.
Por último, a terceira das actuacións permitirá a ampliación do saneamento en Muíños –parroquia de Oleiros- e foi adxudicada por un importe total de 70.743,00 euros e un prazo de execución previsto de tres meses.
“Estamos a falar de actuacións que permitirán avanzar na mellora da rede viaria e dos servizos básicos en distintos puntos do termo municipal, reforzando tanto a seguridade viaria como a calidade das infraestruturas hidráulicas e de saneamento”, indicou a alcaldesa María Sampedro.
Estas intervencións forman parte da planificación anual de investimentos financiados ao abeiro do POS+2025, co obxectivo de continuar modernizando os servizos públicos e dando resposta ás necesidades da veciñanza.